Cando alguén apunta ó ceo, o parvo mira o dedo. Seguramente o terás escoitado máis dunha vez con motivo dalgunha corrección sobre a percepción dun feito. Mais, no tempo da inflación de noticias, das novas enganosas ou directamente falsas, da publicidade e propaganda, paga a pena remirar o refrán.
Hoxe en día, de feito, e conveniente mirar tamén ó dedo, mesmo antes que ó lugar apuntado, para xulgar a fiabilidade do apuntamento, ou se quen apunta non quere que miremos para outro lado, e logo a onde apunta, se se estima confiar na dirección indicada.
Veume á cabeza o tema o outro día, cunha nova no xornal que se titulaba ‘La variante delta causa en China el peor rebrote de covid en meses’. Lendo o interior, o resume podería ser que en China hai 170 casos de Covid. Abunda a nova nas medidas tomadas, que se poden cualificar como ‘de tamaño chino’, para entendernos. O caso é que esa nova orixinada en extremo oriente implica unha incidencia da enfermidade, nun país de 1400 millóns de persoas, de 0,012 por cada 100 000 habitantes, se empregamos o mesmo sistema de índices que aquí se uas para ver a incidencia a 14 días. Pode ser o peor rebrote que tiveran alí en meses, pero é evidente que, por poñer un caso, é notoriamente inferior ó número de casos total (225) que o SERGAS rexistra hoxe en Viveiro, cunha poboación só un pouquiño maior que a cenmilésima parte da China. Ou sexa, estamos falando de cinco ordes de magnitude de diferencia, e a nova é a da China…
Non sei se queda claro. Preséntase como noticia, pero é na realidade unha noticia o que refiro máis arriba citando o titular? Trátase de desviar a atención? Non, non debe ser unha mentira, unha ‘fake’, como din agora. Non fan falta tampouco teorías da conspiración para incidir nun apuntar consciente a unha nova con orixe lonxe de aquí e sen máis transcendencia por estes lares en troques de novas máis achegadas. Sexan decenas de vilas galegas onde o número de casos é maior que en toda a China ou a última enxeñaría financieira da casa real pasada ou presente. E é que o intento de dirixir a nosa atención está tan presente ó noso arredor, dende as instancias políticas públicas ó comercio privado, que é un habitual e moitas veces baixamos a garda da nosa atención sinxelamente por non poder mantela alta todo o tempo.
Para min, hai noticia si. O títular sería algo así como ‘O peor brote de coronavirus na China produce menos casos dos que hai en Viveiro’. Pero claro, iso levaría a pensar como se está a xestionar aquí a cousa, establecer comparacións, facerse preguntas, esixir respostas, participación, … Non, non, moito balbordo!