Maite Ferreiro valorou “o traballo desenvolvido polas librarías para celebrar estas feiras, que dinamizan as vendas e crean un ambiente propicio para o achegamento á lectura por parte de todos os públicos” e destacou “a relevancia que as autoras teñen no programa da feira, intervindo desde diferentes ámbitos creativos e estando presentes desde o arranque co pregón de Marilar Aleixandre”.
A vicepresidenta tamén aproveitou a súa intervención no acto inaugural para convidar ás persoas asistentes a achegarse á caseta do Servizo de Publicacións para coñecer as publicacións editadas por este departamento da área de Cultura, entre eles, “Navegando a bordo do San Lourenzo”, de Antón Niñe, que documenta a historia esta embarcación de cabotaxe, paradigma da vinculación de Foz co mar e as rutas de transporte marítimo que dinamizaron a costa cantábrica ata ben entrada a segunda metade do século pasado.
Ademais da caseta propia o Servizo de Publicación, a feira conta coa participación das librarías Bahía (Foz e Ribadeo), Cortizas (Ferrol), Aguirre (Lugo) e Aenea (Compostela) e da Editorial Planeta, que permanecerán na Praza Conde Fontao ata o 22 de agosto.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coas distintas iniciativas de promoción do libro e da lectura que a Federación de Libraría organiza na provincia, cunha achega de 3.000 euros para a organización das feiras do libro e coa colaboración con diferentes proxectos editoriais.