“Volvo con ilusión e responsabilidade a comandar este proxecto. Estes anos estiven traballando igual na parcela técnica; agora volvo ao primeiro plano con moitas ganas e sendo consciente de que o grao de responsabilidade aumenta, pero tamén a ilusión, para seguir facendo deste club o mellor do mundo” explicaba Lucas na súa presentación, arroupado polo presidente, Manuel Blanco, que loou a súa grande experiencia e traxectoria na entidade, desde o profesorado de base, ata a súa primeira etapa en Primeira División Feminina, co dobrete na tempada 2015-16: “Lucas é un home da casa, leva moitos anos no club, ten grande experiencia tanto de primeiro coma de segundo adestrador. Con el ao mando, o equipo xa se alzou coa Supercopa e a liga e seguro que seguirá traendo grandes alegrías para a Familia Laranxa”.
Lucas reunirá xa o bloque 2021-22 o vindeiro luns, día 9, co inicio de pretemporada (Vista Alegre, 19.30 horas): “Estamos a traballar para seguir sendo o mellor. O obxectivo está claro: é gañalo todo un ano máis” aseguraba o mariñán, incidindo nas contribucións das novidades: “Son tres xogadoras con grandes achegas. Irene Samper vai axudar en verticalidade, en un contra un; é unha xogadora zurda, algo moi valioso. Con Emilly gañaremos en pegada e Elenita vai proporcionar equilibrio”. Sobre o horizonte de seguir facendo historia tamén falou Manuel Blanco: “Apostamos por darlle continuidade a un grande equipo. Temos unha tempada moi complicada por diante, esperamos que a situación sanitaria nos permita ter aos poucos maior normalidade que a tempada pasada. O equipo está formado para loitar por títulos, sabemos que vai ser difícil, pero con traballo iremos a por todas”.
As Guerreiras terán 41 días por diante para preparar a estrea de liga, o 18 de setembro coa visita á Bomboneira de Torreblanca Melilla: “Empezamos cun calendario de grandes rivais, da zona alta en 20-21; estamos a desexar que chegue xa esa data para vivir e gozar o realmente bonito” confesaba Lucas, cun test moi motivador antes, a estrea no periplo de XV Copa Galicia, o 9 de setembro, en defensa do trono: “É un título que nos fai moita ilusión; será o primeiro partido oficial e temos moitas ganas de que chegue ese día” concluía o adestrador, que volverá estar arroupado polo seu corpo técnico-médico, con Emma Losada (delegada), Pablo Díaz (preparador físico) e Fran Paz (adestrador de portería), ademais da Clínica de Fisioterapia, Osteopatía e PNI David Mariña, a enfermeira Natalia Fernández, a nutricionista Alba Vila, o podólogo Miguel Murias e Javier Couce, como xefe médico.