Viveiro, 17 de agosto de 2021. A Consellería de Política Social vén de licitar a renovación das cubertas do albergue xuvenil de Area, en Viveiro, por un importe de 249.000 euros. As empresas interesadas en optar ao contrato teñen de prazo ata o día 25 deste mes para presentar as súas ofertas.
Os traballos suporán a substitución global da cubrición de lousa e a mellora do illamento, co fin de incrementar a eficiencia enerxética e as condicións de confort interior. Entre outras actuacións, procederase á retirada da cuberta actual e á regularización do soporte cunha capa de morteiro onde sexa preciso, aplicarase espuma de poliuretano como material de illamento e unha lámina de polietileno de alta densidade para asegurar a impermeabilización. O prazo máximo de execución previsto é de dous meses e medio.
A Consellería continúa coa renovación das instalacións de Area logo da importante mellora que supuxo a substitución das carpinterías exteriores no ano 2019 que, xunto coas obras que agora se licitan, suman un investimento de preto de 500.000 euros.
O albergue de Area é un dos máis demandados no marco da campaña de campamentos de verán da Consellería. Un ano máis, están completas as cinco quendas que ofrece entre o 1 de xullo e o 4 de setembro.
Os rapaces e rapazas participantes poden disfrutar de actividades como a vela, windsurf, wakeboard, kaiak, aula de natureza mariña, snorquel, olimpiadas terra e mar, skimboard, paddlesurf, cometas de tracción, palas, excursións e volei praia.
Cómpre lembrar que, ao igual que o pasado ano, desenvólvese un protocolo específico para atender ás medidas recomendadas polas autoridades sanitarias. Entre elas: a redución de aforo, a incorporación escalonada dos participantes ou o reforzo do persoal monitor. Ademais, como novidade na presente edición, realízanse probas de coronavirus a todos os participantes e monitores antes de cada quenda.