Isabel Rodríguez explicou que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publicou o 3 de agosto a convocatoria do Programa UNICO-Banda Ancha, dirixida a operadores de telecomunicacións e cuxo obxectivo é o despregue de infraestruturas de banda ancha de moi alta velocidade, capaces de prestar servizos a velocidades de 300 Mbps, escalables a 1 Gbps.
O orzamento da convocatoria é de 250 millóns de euros, a dotación anual máis grande da historia dos programas de extensión de banda ancha, cunha intensidade máxima de axuda do 80%, o que supoñerá mobilizar un investimento público-privado superior a 312 millóns de euros. A presentación de proxectos por parte dos operadores poderá realizarse ata o próximo 10 de setembro.
A convocatoria inclúe 52 lotes, ou zonas de concorrencia, coincidentes con outras tantas provincias e cidades autónomas españolas, da mesma maneira que o anterior Programa de Extensión de Banda Ancha (PEBA- NGA).
O Executivo garante que en 2025 non quedará poboación en Galicia sen acceso a redes de alta velocidade. De feito, na última convocatoria do PEBA-NGA para conectividade chegaron 13 millóns de euros a Galicia con 56.159 entidades de poboación beneficiadas.
O último informe de cobertura de banda ancha a velocidades de 30 Mbps ou superiores mostrou unha cobertura en Galicia do 95,1%, cunha mellora de 30 puntos respecto ao ano 2017, cando non chegaba ao 63%.
Máis de 80 millóns de euros foron adxudicados na Comunidade dende 2018 para este capítulo, con impacto en máis de 300.000 vivendas.
Ademais, Isabel Rodríguez destacou que Galicia ten o primeiro túnel intelixente de España. En concreto, é o túnel do Cereixal, na autovía A-6, con conectividade cos vehículos nun proxecto piloto que é pioneiro e que deixa clara a aposta do Goberno polas infraestruturas galegas.