Site icon Crónica3.com A Mariña

Iniciadas as obras de mellora de firme da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros

Xermade, 2 de agosto de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deu comezo ás obras de mellora de firme da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros, ás que destina un investimento de 450.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou hoxe os detalles da actuación, que está previsto rematar no prazo máximo de tres meses. Os traballos realizaranse nun treito de 5,5 quilómetros que discorre integramente polo municipio xermadés e forma parte da estrada que une Parga con Cabreiros.

En concreto, a intervención permitirá mellorar o firme entre a intersección da Pena e Cabreiros, xusto onde comeza o treito rehabilitado pola Xunta hai uns anos. Acometerase a mellora do firme en toda a superficie da estrada, mediante o estendido dunha nova capa de rodadura de altas prestacións nos treitos que presentan mal estado, para incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios.

A actuación inclúe, ademais, a limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización vertical. Ademais, nos treitos con menor ancho e con gabias profundas, disporanse cunetas de seguridade, que poden ser rebasables e utilizarse en caso de ser necesario. Colocaranse, tamén, barreiras de seguridade onde haxa desniveis e sistemas de protección para motoristas.

A obra enmárcanse no Plan de reforzo de firmes, que este ano destina ás estradas autonómicas da provincia de Lugo un investimento de 4,6 M€. O obxectivo é executar e ter rematadas estas actuacións este mesmo ano 2021.

Exit mobile version