Durante a xornada de hoxe desenvolveranse os talleres e pola tarde será inaugurada na Casa de El Viejo Pancho unha exposición da pintora murciana Esther Páez. A actividade formativa e outras paralelas seguirán durante toda a semana no local de APAGA.
A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, manifestou que “este é un foro que está homologado por parte da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional como unha formación regrada. Creo que é un foro plenamente consolidado que xa vai na décima edición, con tres xornadas moi interesantes nas que están incluídos tanto obradoiros como visitas e tamén a presentación de vehículos e tecnoloxías por parte de empresas. Ademais gustaríame destacar a homenaxe que este ano se fai a José Barro, un pioneiro na súa época que foi a principios do século XX, creou unha fábrica de montaxe de vehículos en Chavín, en Viveiro, cando en España só un de cada 200.000 habitantes tiña un vehículo, co cal foi un adiantado á súa época sen dúbida. Gustaríame felicitar a APAGA por todas estas actividades e outras que leva facendo no ámbito da formación da automoción en Galicia e por suposto no ámbito da Formación Profesional”.
A deputada provincial delegada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García, dixo que “dende a Deputación colaboramos para que este evento se leve a cabo, cremos que é fundamental a colaboración tamén da institución provincial con todo o tecido asociativo e profesional da provincia e dende logo felicitar a APAGA por levar a cabo, nunha época tan difícil para todos, estas xornadas. Paréceme moi interesante que se abarque, entre outras, dúas cuestións fundamentais para o presente e o futuro da automoción, particularmente nun sector tamén fundamental para a nosa provincia tendo en conta o carácter rural da mesma, por unha parte todo o que se refire á maquinaria forestal e por outra todo o que ten que ver cos vehículos eléctricos que, sen dúbida, son parte do presente e fundamental para o futuro se queremos avanzar na transición ecolóxica”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense, Fran Cajoto, referiuse á importancia da automoción na comarca: “temos aí o cartel de Barreiros, no 2019, no seu cen aniversario. Dá mostra do que fixemos e do que podemos seguir facendo no ámbito da automoción e da tecnoloxía, máis cando hai uns cambios tan profundos no sector da automoción eléctrica que está empuxando moi forte. Estamos agora mesmo vivindo un período precisamente de cambio coas tensións que iso conleva e coa adaptación que hai que facer, quen se poña diante vai ser quen vai ter máis opcións no futuro. Vosoutros traendo as empresas punteiras e formando desde esa avanzadilla teredes moitas máis oportunidades para dirixir equipos e para seguir avanzando. Eu quero felicitar a APAGA e animarvos a que sigades por este ámbito, e desexarlles a todos os alumnos e alumnas a que aproveiten estas xornadas, que están moi ben deseñadas, que nun período de pandemia non é fácil”.
O concelleiro de Medio Ambiente en Ribadeo, Jorge Díaz, salientou que “queremos agradecer a APAGA que outro ano máis contara con Ribadeo para organizar este fórum. Tamén agradecer a todas as persoas que fan posible esta cita foro tanto empresarios como as persoas que participan. Quería recalcar o sitio, ser un pouco localista, este lugar no que estamos foi un taller de chapa e pintura durante moitos anos que se chamaba Talleres Paco, que foi un home que apostou no seu día e era un referente en chapa e pintura. Por parte do Concello estamos aí para axudar no que poidamos. Desexar que todos estes días de aprendizaxe sirvan para seguir sendo punteiros nesta materia de ensinanza”.
Finalmente o presidente de APAGA, Álvaro Doural, subliñou que “queremos agradecer a presenza dos representantes das institucións polo seu apoio ao Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que hoxe iniciamos. Esta actividade está homologada pola Consellería de Educación, con 34 horas de formación. O sitio que temos non ten unhas dimensións moi grandes e todos os días temos que adaptalo para a celebración dos talleres e das clases teóricas. Temos unha actividade tamén importante, na sala que nos cedeu o Concello, na Casa de El Viejo Pancho, que é unha exposición de pintura da artista murciana Esther Páez, que decidiu traer os seus cadros a Ribadeo. Vai ser inaugurada esta tarde ás 20:30 horas”.