Ribadeo, 25 de agosto de 2021. A exposición Miradas. De dentro hacia fuera, da pintora murciana Esther Páez, foi inaugurada na tarde de onte, dentro da programación do X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga. A mostra poderase visitar na Casa del Viejo Pancho ata o vindeiro venres, día 27, en horario de 9:00 a 14:00 e 18:00 a 20:00 horas. Despois estará aberta ao público de novo a partir do 15 de setembro. Con esta mostra inaugúrase a sala de exposicións da Casa del Viejo Pancho.
A concelleira de Cultura en Ribadeo, Pilar Otero, salientou que “é unha marabilla contar cunha exposición deste tipo dentro da organización do Fórum de Apaga. É unha mostra moi bonita e elegante, son 21 cadros retratos de muller, de sentimentos e de emocións. Eu quero agradecer que contaran con esta sala de exposicións, que se inaugura así con esta exposición de Esther Páez”.
A pintora Esther Páez dixo que “primero quiero agradecer al Ayuntamiento de Ribadeo esta oportunidad. Hacía tiempo que no exponía. No sólo pinto retratos de mujeres, pero esta exposición tenía que tener una coherencia y está centrada en rostros, en expresiones, en emociones y las técnicas básicamente son acuarelas, hay algunos que son pastel, lápiz de color y técnicas mixtas que están mezcladas. También trabajo el óleo y el acrílico, pero esta muestra se centra básicamente en estas técnicas”.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, manifestou que “é unha nova actividade que incorporamos este ano ao Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. Creo que é moi interesante combinar a parte cultural coa tecnolóxica. Debía ir unida máis intimamente do que está. É unha exposición bonita, unha actividade moi novidosa e que está no lugar é ideal para este tipo de mostras”.
O Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos inclúe outras actividades paralelas como unha visita para unha ducia de persoas ás Covas do Rei Cintolo e outra á empresa Shiifos, dedicada á micoloxía sostible, que está situada en Ribadeo.
Hoxe ademais ás 18:00 horas será inaugurado o Centro de Interpretación de José Barro en Mondoñedo.
Ata o venres pola tarde seguen na sede de Apaga as charlas do X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos.