Lugo, 4 de agosto. Este mércores inaugurouse oficialmente en Viveiro a mostra “Xela Arias. A poesía do retrato”, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para contribuír ao recoñecemento e divulgación da obra da poeta sarriá.
A exposición está formada por 20 paneis nos que as fotografías de Xulio Gil, retratos en branco e negro da autora homenaxeada polas Letras Galegas, dialogan con fragmentos da súa obra poética.
Na inauguración, o deputado Efrén Castro destacou o formato da exposición que “leva a súa obra ao encontro directo co público”. “Xela Arias é unha autora moderna, comprometida, pegada á rúa na defensa de causas xustas. E que gustaba da rúa como espazo para a cultura. Pensamos que este formato exterior recolle ben ese interese seu por facilitar a difusión da poesía”, continuou o responsable provincial que agradeceu a colaboración do Concello de Viveiro para manter a itinerancia da mostra.
Durante o acto, no que tamén interviu a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o fillo da autora, Darío Gil, apuntou que “ademais de ser un convite a achegarse a poesía de Xela Arias, a mostra pode ser tamén unha porta de entrada á literatura e a poesía en galego”.
A inauguración da exposición, que poderá verse ata o 26 de agosto nos Xardíns Noriega Varela, contou co acompañamento musical do grupo Malditos Roedores.
Xela Arias. A poesía do retrato
A exposición para exteriores organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo “Xela Arias. A Poesía do retrato” recompila unha colección de textos poéticos da autora xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90.
As imaxes permíten mergullarse no universo máis íntimo da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, a través de fotografías que a retratan posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, quen foi a súa parella no persoal e no artístico.
Trátase de fotografías tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes, que formaban parte do arquivo do fotógrafo e que se mostran por primeira vez en formato expositivo. Na selección das imaxes e dos versos, traballaron conxuntamente o propio Xulio Gil e mailo escritor, editor e xornalista Xosé Enrique Acuña.
Ademais da escolma feita para a mostra, coordinaron os contidos dun libro catálogo co mesmo título, Xela Arias. A poesía do retrato, editado por Engaiolarte, coa colaboración da área de Cultura.