Site icon Crónica3.com A Mariña

Francisco Conde, mantivo unha reunión cos empresarios de Xove para dar conta das axudas que ten abertas o Goberno galego para apoiar ao sector

Xove, 5 de agosto de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe en Xove con empresarios do concello para dar conta das axudas que o Goberno galego ten a disposición do sector para axudar á súa reactivación, como o Bono Activa Comercio, que xa leva mobilizado 1,9 M€ na provincia de Lugo, onde conta con máis de 23.500 usuarios.

Unha liña de axudas que vén de ampliar o prazo de solicitude, polo que os interesados aínda poden descargar o seu bono na web bonoactivacomercio.gal ata o vindeiro 31 de outubro. Así mesmo, se ata o de agora estaba establecido que cada comercio podía ofrecer aos seus clientes ata 5000 euros en descontos, agora desaparece dito límite.

Conde destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa manifestando o interese dos galegos e galegas por mercar no comercio de proximidade, na busca de confianza, calidade e un trato personalizado. Así, son máis de 175.800 os bonos descargados e superan os 5.600 os comercios adheridos en toda a Comunidade, o que deixa un mobilizado de 12,8M€ en vendas. No caso concreto de Xove, xa son 360 os veciños e veciñas que descargaron o Bono Activa Comercio para mercar nalgún dos 11 establecementos do concello que se sumaron a esta iniciativa, co que se conseguiu mobilizar máis de 40.000 euros.

Francisco Conde, que quixo destacar a capacidade de reacción e adaptación a este novo escenario que está a ter o comercio galego, tamén recordou que nestes momentos están abertas dúas liñas de apoios para os comerciantes galegos.

Unha delas conta cun investimento de 2M€ para fomentar que centros comerciais abertos, asociacións de praceiros e federacións leven a cabo proxectos para dinamizar as vendas e promocionar os produtos a través das novas tenoloxías. E unha segunda para promover a comercialización física de artesanía galega, destinada a obradoiros –con axudas de ata 8000 euros– e concellos e asociacións –ata 30.000 euros–.

Exit mobile version