Ribadeo, 6 de agosto de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o acceso á cala principal do Cargadoiro seguirá pechado, por responsabilidade e por madurez. O rexedor subliñou que foi encargado un proxecto para determinar o alcance económico e técnico para realizar as posibles obras de reforzo desa escaleira, “para o caso de que sexa posible tecnicamente”. Suárez Barcia acusa ao voceiro do PP de facer demagoxia con este asunto e de andar a enredar.
O rexedor ribadense lembrou que “hai uns días o Concello de Ribadeo explicou a través do edil de Medio Ambiente a perigosa situación na que se atopaban as escaleiras de acceso á cala principal do Cargadoiro. Nesa ampla explicación á cidadanía indicouse que o motivo foron os fortes temporais no inverno debido á inestabilidade do terreo así como tamén se relataron as medidas de control levadas a cabo durante varios meses tanto polo Concello como pola Dirección Xeral de Costas do Estado. Medidas, entre outras, de control periódico para ver se o derrubamento ou as filtracións de auga ían mais”.
Fernando Suárez dixo que “ademais, desde o Concello recibiuse hai moi poucos días o resultado do estudo xeolóxico encargado a unha empresa cualificada que tivo que realizar un complexo estudo e que na súa conclusión recomenda encarecidamente pechar a praia polo deficiente apoio da escaleira nas vetas de lousa na que se sustenta. Sen perder un momento, e sempre en coordinación con Costas, estamos a encargar un proxecto técnico para determinar o alcance económico e técnico para realizar as posibles obras de reforzo desta escaleira, para o caso de que sexa posible tecnicamente”.
O alcalde insistiu en que “todo isto xa foi explicado tanto á cidadanía como aos membros da Corporación neste último pleno ordinario. Agora, unha semana despois, e facendo o habitual exercicio de demagoxia e de oportunismo noxento ao que nos ten afeitos o voceiro do PP, chama que pouco menos á rebelión da cidadanía para poder acceder a esta cala si ou si”.
Para Suárez Barcia “a diferenza entre este voceiro e calquera membro do goberno municipal, incluído o seu alcalde, é a responsabilidade que nos embarga en toda canta actuación facemos, basicamente porque nós gobernamos e el non. El tan só enreda. Se el gobernase, e non fose tan inmaduro como é, non se atrevería a dicir as cousas que dixo no pleno como que isto se amañaba cunha rede de protección”.
O rexedor engadiu que “somos os primeiros interesados en que se poida acceder canto antes a esa praia, pero en tanto o complexo proxecto de restauración non estea listo e coordinado co Servizo de Costas do Estado, non permitiremos o seu acceso. Non por oportunismo, senón por madurez e responsabilidade. Esa é a sutil diferenza entre uns e outros”.