Lugo, 19 de agosto de 2021. A Deputación de Lugo rematou a execución de case o 75% do Plan ILUMIN@, un programa dotado con 723.000€ co que a institución provincial axuda aos concellos da provincia a aforrar custes enerxéticos. Do total do investimento, o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. Xa son 28, dos 38 concellos que decidiron adherirse a este programa, os que teñen as actuacións completadas, consistentes na substitución de luminarias públicas por outras máis eficientes.
Os contratos de subministro e instalación de material que inclúe o plan Ilumin@ está dividido en zona norte, centro e sur. O 100% da zona centro está rematada, mentres que na zona norte 11 dos 14 concellos xa se benefician do programa e un, Burela, está rematado, pendente de certificar. Pola súa banda, cinco concellos da zona sur xa teñen o plan ILUMIN@ completo e os 7 restantes -As Nogais, Carballedo, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao e Samos- están en execución.
Con este plan, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que suporá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores. Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.
O plan ILUMINA@ forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente.