Burela, 9 de agosto de 2021. Este luns quedou restablecido o servizo de socorrismo na praia de O Portelo, que onte se suspendeu tras a sospeita dun posible positivo de covid19. Finalmente ese profesional deu negativo nas probas que lle foron practicadas e poderá reincorporarse ao seu posto de traballo, segundo informou nesta xornada a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo.
A edil burelesa dixo que “desde o Concello de Burela queremos trasladarlle á veciñanza e ás persoas usuarias das nosas praias, que o servizo de socorrismo da praia de O Portelo quedará restablecido mañá, luns”.
Toñi Eijo explicou que “como consecuencia da sospeita dun posible caso de contaxio da covid19 dun dos socorristas, seguindo os protocolos establecidos, dito servizo nese areal tivo que suspenderse. Tras a realización dos tests pertinentes e unha vez confirmado o negativo dese empregado público, este poderá reincorporarse mañá, día 9, ao seu posto de traballo, quedando así plenamente restablecido o servizo”.
A concelleira de Medio Ambiente pide desculpas polas molestias ocasionadas: “queremos manifestar en todo caso as nosas desculpas polos eventuais trastornos que está situación puido causar e agradecer á veciñanza a súa comprensión ante unha circunstancia e unha situación complexa como a acaecida, que se tratou de xestionar coa maior responsabilidade e dilixencia posible. Agradecer igualmente ao persoal do servizo afectado tanto o seu traballo, como a súa disposición para facilitar a solución a está situación”.
Eijo engadiu que “como non podía ser doutro xeito, para o goberno da Corporación Municipal de Burela a saúde e a seguridade, nunha situación de emerxencia sanitaria como a que estamos a vivir, está por encima de calquera outro interese”.