Elena Candia entregaba onte á Comisión Organizadora do 18 Congreso Provincial preto de 1.600 avais, formalizando así a súa candidatura a revalidar a presidencia do Partido o vindeiro 19 de setembro. A este respecto, a candidata no só triplicou o número de apoios recibidos en 2016, ano no que ocupou por primeira vez a presidencia da formación, senón que o fixo sendo respaldada por afiliados de todas as agrupacións da provincia.
A mindoniense afrontará así unha nova etapa na que, segundo afirmou este mércores, pretende liderar un proxecto baseado no traballo en equipo, que teña no centro a Lugo e unha estratexia de provincia, avalada no diálogo e no consenso, así como gobernar o Concello da capital e a Deputación. Para elo aposta por combinar a experiencia dos que levan tempo no Partido coa savia nova que aporta a xente máis moza, tal e como se pode comprobar nos sete integrantes que conforman a Comisión Organizadora do Congreso (COC).
Cronograma
Superada esta fase, nas vindeiras semanas ábrese o prazo para a elección de compromisarios. Tal é así que, dende o 28 de agosto ao 8 de setembro, os afiliados poderán inscribirse para ser compromisario e poder votar así en urna o día do cónclave. No caso de que haxa máis presentados que prazas, o 14 de setembro celebraranse diferentes asembleas, que estarán distribuídas en distintos puntos da provincia. A este proceso están convocados os afiliados e o membros natos da Xunta Directiva (141 en total, máis os integrantes da Comisión), así como os electos (618 en total: 600 do PP e 18 de Novas Xeracións).
Por outra banda, haberá só un relatorio-comunicado, que levará por título: Un proxecto de Partido. Un proxecto para Lugo, e que correrá a cargo da deputada autonómica Cristina Sanz. O prazo para a presentación do mesmo finaliza o 3 de setembro.