Site icon Crónica3.com A Mariña

Desfeitas na zona do Cargadoiro de Ribadeo por mor dos botellóns

Ribadeo, 27 de agosto de 2021. Os botellóns dos últimos días en Ribadeo deixaron como resultado varias desfeitas na zona da Atalaia e no Cargadoiro. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, lamenta o sucedido e agarda que estes feitos non volvan producirse.

O edil ribadense contou que “a pasada fin de semana foron varios os danos ocasionados no Cargadoiro, lugar que é elixido moitas veces para a práctica do botellón. Varias luminarias apareceron rotas alí. E na madrugada do martes ao mércores as desfeitas tiveron lugar na zona da Atalaia, onde foron arrancadas e tiradas algunhas placas de granito. Estamos falando de danos dunha contía importante”.

Jorge Díaz dixo: “non entendemos este tipo de comportamentos. En primeiro lugar hai que lembrar que os botellóns non están permitidos e en segundo lugar non chego a comprender como forma de diversión emprendela a golpes co mobiliario urbano, que pagamos todas e todos os ribadenses cos nosos impostos”.

O concelleiro de Medio Ambiente pide a colaboración veciñal “para que si noutro momento se producen este tipo de feitos e alguén ve algo ou escoita algo que, por favor, de xeito inmediato se poñan en contacto coa Policía Local ou coa Garda Civil para dar canto antes con estes incívicos”.

Exit mobile version