Ribadeo, 31 de agosto de 2021. A Concellaría de Cultura ven de presentar a programación coa que se rememorarán as festas da Patroa do 4 ao 8 de setembro. Os espectáculos serán para ver sentados e en recintos perimetrados. Haberá concertos, pasarrúas e actividades infantís. En Ribadeo estará o Mago Antón o día 6 e o 8, Día da Patroa, os Cocos e os Cabezudos bailarán nun espazo habilitado para eles. Haberá misa cantada pola Coral Polifónica ribadense. Esa xornada tamén ofrecerá o seu tradicional concerto da Patroa a Banda Municipal de Música de Ribadeo. Non serán unhas festas patronais como as anteriores á pandemia, pero o Concello quere contribuír “a que siga vivo o noso espírito festeiro”, segundo declarou a concelleira de Cultura, Pilar Otero.
A edil dixo que “non queríamos deixar pasar un ano máis sen celebrar dalgún xeito as patronais. Seguimos en tempos incertos que nos demandan prudencia e é por iso polo que as propostas que trasladamos son sobre todo espectáculos para ver sentados e en recintos perimetrados, onde se gardarán as distancias e as medidas de seguridade reguladas fronte á covid 19. Lembramos que os eventos culturais están a ter unha case nula incidencia en transmisións de covid e iso é porque se están a facer as cousas de xeito adecuado. Estaremos de acordo en que debemos facer todo o posible por non perder a nosa vida social e as festas patronais, que desta vez non van poder ser tales, xa que non son unha festividade calquera para as veciñas e veciños de Ribadeo. Con ese ánimo presentamos un programa que esperemos que guste e ao que convidamos a todos”.
Pilar Otero explicou que “comezamos o sábado 4 con pasarrúas do Cuarteto Illa Pancha, a partir das doce. Pola tarde, ás sete no salón de plenos da Casa do Concello haberá un acto a cargo do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, que presentará a reedición, esta vez tamén no noso idioma, do libro O Camiño de Santiago de José Luis Trashorras Méndez. Ás oito e media comezará unha noite dedicada ao blues con dúas agrupacións de grande calidade no cartel, Martíns Aneiros Band e Travelling Brothers, que non necesitan presentación”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “o domingo, día 5, dentro do programa Musiqueando da Área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, actuará á unha e media a banda da asociación cultural Os Xograres de Lemos O Folión e ás oito da tarde, o grupo de música tradicional Os Misturos animará as rúas de Ribadeo. O luns 6 tamén soará pola mañá a música de Seimeira, e estará instalado no parque un camión máxico e é que o Mago Antón ofrecerá, desde as doce da mañá e ate as dez da noite, sesións de maxia co seu espectáculo A volta a Galicia en 313 concellos. O martes 7 volve Pakolas cun concerto para público familiar ás oito e ás dez comeza un evento musical que está tendo moitísimo éxito este verán nas vilas que visita, trátase de Mitic. El espectáculo, cuxo subtítulo, Deixa que a gaita che conte a banda sonora da túa vida, xa nos dá idea do contido. Música con temas que abranguen desde os anos 30 aos 80 e os 90 mais versionados de xeito que a gaita é a protagonista pasando a ser o violín de Candilejas, á guitarra de Brian May ou a voz de Frank Sinatra co seu inesquecible My way. Escoitaremos un tango ao son de El día que me quieras ou emocionaremos lembrando Escarlata O´Hara co tema de Tara. Os anos 60 levaranos á fiestra de Audrey Hepburn e o seu Moon River e chegaremos ao pop da man dos Beatles. Un espectáculo para todos os públicos onde non quedarán indeferentes nin os máis rockeiros ao escoitar os primeiros acordes de The final countdown e vibrar ao son dos Guns N´Roses, nunha maneira particular e diferente de homenaxear aos máis grandes da música como Ennio Morricone ou Freddy Mercury”.
Otero Cabarcos engadiu que “o mércores 8 será a aparición máis esperada por simbólica. Os Cocos e os Cabezudos non van poder facer o seu tradicional pasarrúas mais si que os poderemos ver nun espazo habilitado para que bailen, acompañados polo Cuarteto Illa Pancha na zona do Cantón. Ás doce na igrexa parroquial terá lugar a misa cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo. Á unha e media, outro dos eventos máis queridos e esperados, o concerto do Día da Patroa a cargo da Banda de Música Municipal de Ribadeo. Remataremos a xornada co trío de jazz Mezcal Times no quiosco da música ás oito da tarde. Durante todos estes días de eventos, seguirá colocada, no paseo do parque, a exposición organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Xela Arias. A poesía do retrato, unha mostra que busca divulgar a figura da muller escritora homenaxeada este ano nas Letras Galegas”.
A concelleira de Cultura rematou sinalando: “dicir que con esta programación queremos contribuír a que, nestes días nos que Ribadeo debería estar de festa grande, siga vivo o noso espírito festeiro ata a celebración da Patroa de 2022, que seguro que serán uns festexos excepcionais”.