O gaiteiro Anxo Lorenzo, as cantareiras As Tanxugueiras, Dulce Pontes e Mikel Erentxun participan no cartel que terá como escenario os faros de Baiona, Muxía, Ribeira e Cervo. Xunto e eles actuará tamén a dj galega Russihha e grupos emerxentes do panorama musical galego.
Os concertos serán o 21 e o 27 de agosto e o 3 e o 10 de setembro, para grupos reducidos que van de 100 as 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación dese escenario natural, tendo en conta os protocolos de seguridade e as normas sanitarias. A proposta, ademais, persegue valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade.
O vicepresidente primeiro presentou Concertos na fin do mundo en Baiona, onde se celebrará unha das propostas musicais que terá como escenario o faro de Cabo Silleiro, punto estratéxico do Camiño Portugués da Costa e un dos itinerarios xacobeos que máis está a medrar. Alfonso Rueda recordou que o visitante e o peregrino de hoxe en día demanda ofertas diferenciadas e singulares das que Galicia ten moito que ofrecer. Ao acto asistiron tamén os presidentes das Autoridades Portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol.
Os que desexen asistir poderán obter máis información na web www.concertosnafindomundo.com, desde onde serán redirixidos á pasarela de pago na que poderán adquirir as entradas polo prezo de 10 euros.