Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira ponse a disposición do presidente da Deputación “para iniciar o curso político cun verdadeiro proxecto de provincia” e suplir “a inacción do goberno”

Lugo, 6 de agosto de 2021. O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, rexistrou esta mañá no Servizo habilitado para elo do Pazo de San Marcos, unha carta dirixida ao presidente da Deputación, a través da que se pon a disposición do mesmo “para iniciar o curso político cun verdadeiro proxecto de provincia” e suplir así “a inacción na que está sumida o goberno formado por socialistas e nacionalistas”.

O popular considera que “sería moi produtivo para os lucenses” manter unha reunión de traballo e “analizar -di na súa misiva- que debe facer o organismo provincial no que queda de mandato”. “Como ben sabe, acabamos de rematar o curso político e son moitos os proxectos que debería liderar a Deputación que preside, pero que non o está a facer, de cara a axudar á recuperación ao tecido socioeconómico da provincia. Dígollo sen ningún tipo de acritude, senón dende unha perspectiva totalmente construtiva, pois así nolo están a trasladar moitos veciños dos distintos Concellos de Lugo. E tamén llo digo coa vontade de tenderlle, unha vez máis, a man do Partido Popular para corrixir as eivas que a institución está a ter neste momento tan complicado”, relata Castiñeira no seu escrito.

O voceiro do PP recoñece que “non é sinxelo gobernar cos efectos dunha pandemia como a que temos, sobre todo, porque é unha situación novidosa, pero si que agardabamos que a Deputación se reinventase ou, polo menos, seguise a folla de ruta doutras administracións homólogas que si deseñaron proxectos e medidas destinadas a paliar os efectos da covid-19. Os lucenses agardábano, insisto”. Pero, engade, “xa vimos que non foi así e, tendo en conta que estamos no ecuador do mandato, moito nos tememos que non teñen previsto cambiar o rumbo e redirixir as súas políticas de actuación. Por este motivo, consideramos que non podemos iniciar o mes de setembro, e con elo o novo curso político, coa mesma dinámica regresiva. Esta provincia non o merece. Por coherencia e polo futuro dos lucenses, debemos dicirllo con sinceridade e con humildade”, manifesta.

“O actual goberno da Deputación de Lugo non é útil”
Deste xeito, Castiñeira considera que “o actual goberno da Deputación non é útil”. Proba delo é que “os alcaldes, os voceiros dos distintos grupos políticos e os propios veciños xa coñecen que o Plan de impulso económico da provincia non existe; que o desentendemento da rede viaria provincial é total e absoluto; que o proxecto Saborea a túa provincia é insuficiente; que a Deputación non deseñou ninguna partida para atallar a crise que deixa a covid-19; ou que a maior parte das propostas que lle plantexamos dende o PP sempre foron rexeitadas pese a estar propostas co ánimo de sumar”.

Por este motivo, conclúe: “este Grupo Provincial ponse á súa disposición como sempre o fixo, e agardo que fixe unha data e hora. Non se preocupe porque sexa agosto, este voceiro está á súa disposición porque entendemos e entendo que a situación o require e o esixe”, sentencia.

Exit mobile version