Galicia acadou nas Olimpiadas de Tokio catro medallas en probas non colectivas (dúas pratas-unha delas con dous agasallados- e dous bronces). Se lle engadimos a nosa participación nas medallas do balonmán e fútbol as nosas deportistas remataron a nosa mellor participación nacional nuns Xogos Olímpicos, só comparábel coas catro medallas individuais (dúas de ouro) da capital chinesa de Beijing no 2008.
Mais aí rematan as semellanzas. Porque a xestión do deporte galego, o traballo da Xunta de Galicia a prol de resultados no deporte de elite, o labor no deporte femenino e no deporte para todos non ten comparanza ningunha co intelixente e axeitado traballo desenvolvido entre 2005 e 2009 pola Administración deportiva galega durante o goberno de coalición BNG-PSdeG. Daquela a conselleira nacionalista Anxela Bugallo e os directores xerais Santi Domínguez e Marta Souto estruturaron e desenvolveron o concepto “deporte galego”, antes inexistente ou reducido ás nosas equipas de fútbol e basket profesionais, promovendo aos nosos deportistas de elite (cómpre lembrar, nomeadamente os casos do piragüismo, vela e triathlon) e dándolle un amplísimo pulo ao deporte feminino, coa colaboración do vicepresidente Anxo Quintana e da secretaria xeral Carme Adán. Foron tamén os anos da recreación da nosa selección nacional de fútbol e da promoción dunha equipa profesional de ciclismo, canda o pulo e acompañamento constante do deporte paralímpico.
O Goberno Feijóo (case sempre con José Ramón Lete á fronte da Administración deportiva galega) seguiu unha estratexia liquidacionista do labor desenvolvida polo BNG no deporte galego, como en tantos outros eidos. Abandonouse o Centro de Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra e priorizouse na política de promoción das Federacións Deportivas Galegas a docilidade política. Ignorouse, tamén, o que tiña de ser o noso think tank deportivo, a Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da UDC.
Malia esta política deportiva da prevención e sospeita políticas, da pasividade e do desleixo a sociedade civil galega, as redes sociais, a prensa dixital e en papel (quer cabeceiras históricas, quer medios máis recentes) e máis a Radio Galega e a TVG souberon priorizar o feito deportivo galego nestas Olimpíadas. E este feito, inédito e histórico, conecta coa idea da existencia dun País de noso e, sobre todo, conecta coa idea da existencia dun deporte galego.
Peleteiro, Portela, Nico Rodríguez, Arévalo, Germade; Corrales e Villar… moitas grazas por tanto que nos destes e polo que habedes dar no futuro.