Coa idea de fomentar a chegada de turistas en tempada baixa e incrementar os días de estancia así como de premiar a elección deste destino, o Concello optou por lanzar estas dúas ferramentas de promoción precisamente agora, ao rematar o verán. Pois, as suaves temperaturas, a práctica de actividades na natureza, a tranquilidade e o contacto coa cultura local propician a chegada de viaxeiras e viaxeiros moito máis alá dos meses de xullo e agosto.
En contra do que se pensa, o litoral da Mariña Lucense é unha das zonas costeiras de Galicia onde menos chove ao longo do ano -segundo os Informes Climatolóxicos Anuais elaborados por Meteogalicia-.
Vídeo promocional turístico “Barreiros queda en ti”.
Céntrase na paisaxe, mais tamén en sensacións como a liberdade, a paz, a conexión coa natureza e coa cultura do lugar. En liña coa filosofía do Turismo Slow, das viaxes conscientes e do vínculo coa esencia dun territorio onde parece que o tempo se detén.
Dende o Concello agradecen a colaboración e o traballo realizado por tódalas persoas que contribuíron á gravación e posterior edición deste vídeo, especialmente aos/as figurantes e ao Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.
Enlace ao vídeo: https://www.concellodebarreiros.gal/gl/turismo/video-barreiros-queda-en-ti
Postais dixitais
Trátase dunha forma de premiar ás persoas que nos visitan e de que estas compartan a súa viaxe e os encantos de Barreiros con amigos e familia.
Están dispoñibles para a súa descarga de balde na sección de turismo da páxina web municipal.