Burela, 6 de agosto de 2021. Burela rende estes días unha homenaxe á Feira do Bonito que non se pode celebrar do xeito tradicional, debido á situación sanitaria ocasionada pola pandemia do covid. Ata o domingo, 8 de agosto, teñen lugar xornadas gastronómicas, actuacións musicais, o Certame Amarte e unha exposición dos carteis da feira que se pode ver por todo o pobo. O alcalde burelés, Alfredo Llano, convida a achegarse á localidade para desfrutar de toda esta oferta, pero pide que se faga con responsabilidade e prudencia.
O rexedor dixo que “estes días debéramos estar desfrutando dunha Feira do Bonito que lle correspondería ser este sábado pero, derivado da pandemia, este ano ao igual que o pasado non se vai celebrar como se viña celebrando dunha maneira moi recoñecida porque a asociación Ledicia preparaba de formas diferentes o bonito e tiña un éxito total. Era unha maneira extraordinaria de darlle importancia ao túnido, pero tamén de atraer moita xente a Burela. Como este ano non se pode facer, pensamos en substituílo por algo que lembrara esta celebración e o que se fixo foi falar cos hostaleiros para que levaran adiante unha iniciativa que consiste en ofrecer pratos que teñen bonito tanto en menús como en tapas e racións. Hai que agradecer a colaboración da gran maioría dos restaurantes, bares e hoteis de Burela nesta campaña. Entón ata o domingo van ofrecer menús todos os restaurantes, que é moi motivador e realmente interesante para favorecer a pesca de Burela e o bonito do norte, en concreto”.
Alfredo Llano sinalou que “tamén están traballando xa no muro do porto, a través do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte. Este ano van ser oito obras e o que ven sobre nove para ir culminando o muro. Hai boa participación, de calidade extraordinaria e é moi interesante de ver. Completaremos o día coas actuacións do Mago Antón, que vai estar na rúa Pardo Bazán todo o día e na Praza do Concello actuará Luar na Lubre ás once da noite. Ademais vai haber obradoiros infantís para facer graffitis na zona portuaria, impartidos por técnicos na materia. Tamén hai unha exposición dos carteis que anunciaban a Feira do Bonito desde o ano 1983 ata hoxe, Ledicia permitiu poñela por todo o pobo, na praza do Concello, na praza da Mariña, no porto e en varios lugares”.
O alcalde de Burela pensa que “no conxunto o que pretendemos facer, a través do Concello, de toda a restauración e da asociación Ledicia, é darlle importancia ao que fan os nosos mariñeiros pescando o bonito dunha maneira artesanal, respectuosa co medio ambiente e cunha calidade superior. Tamén queremos defender a actividade pesqueira e resaltar que é de moitísima importancia no noso concello, pois dos portos de todo o litoral cantábrico posiblemente sexa o máis importante e así o din as descargas enormes de bonito que hai e doutras especies, ata cen chegamos en Burela”.
Alfredo Llano convida a veciñas, veciños e visitantes a desfrutar de toda esta oferta: “de maneira responsable, invitamos a todo o mundo que estea pola Mariña e queira achegarse estes días a Burela para que desfrute de todo aquilo que se ofrece dunha maneira interesante, diversa e variada, e que non ten outro fin máis que lembrar a Feira do Bonito e darlle importancia á nosa actividade pesqueira”.