Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata o 29 de agosto no Forte de San Damián ‘La madre que nos parió’, 60 fotos de Nacho Samper e Nacho Carballo sobre a situación das mulleres en Senegal

Ribadeo, 4 de agosto de 2021. Foi inaugurada no Forte de San Damián a exposición La madre que nos parió/A nai que nos pariu, que pode visitarse ata o 29 de agosto. Trátase dunha mostra de 60 fotos de Nacho Samper e Nacho Carballo sobre a situación das mulleres en Senegal e sobre a labor que está a realizar alí a ONG Ser Madre Ser mujer. O colectivo loita por reducir a mortalidade materna e neonatal frecuente nese país.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “esta exposición é unha iniciativa da ONG Ser Madre Ser Mujer, que recolle o traballo das súas fundadoras: Nerea Roldán, Ana Ramos e Raquel Pérez, que desde hai máis de seis anos, xunto Co equipo da ONG, conseguen que mulleres e nenas do Senegal reduzan riscos obstétricos e xinecológicos, facendo fronte así á precariedade sanitaria do país africano. A exposición, a través das fotografías de Nacho Samper e Nacho Carballo, dá testemuño non só da situación das mulleres en Senegal senón tamén do labor cotián da ONG na súa loita por reducir a mortalidade materna e neonatal frecuente no país”.

A edil ribadense contou que “a ONG Ser Madre Ser Mujer dedica o seu labor a aumentar a calidade de vida das mulleres e nenas cun enfoque prioritario na prevención e na formación universitaria do persoal sanitario a través de técnicas innovadoras. Ten por obxectivo, asemade, a educación sexual e reprodutiva das nenas e mulleres, como parte integrante dos seus dereitos, en escolas, maternidades e hospitais. Máis de 15 maternidades introduciron xa os métodos de traballo da ONG, unhas 2000 mulleres foron atendidas cos seus programas de saúde na rexión de Thiès e Casamance e máis de 100 matronas serán formadas no vindeiro ano universitario 2021-2022. Ser Madre Ser Mujer é a única ONG no mundo que realiza un tratamento integral de todas as disfunciónspélvico-xenitais, sexan provocadas pormutilaciónxenital, complicacións no parto, violación, abuso sexual, cirurxía, ou calquera outra causa e realiza tanto tratamentos de reeducación uro-xinecolóxica como cirurxía reparadora”.

Otero Cabarcos seguiu a relatar que “a rehabilitación e acondicionamento de instalacións para o parto e o reforzamento do sistemas de urxencia en Senegal é, así mesmo, parte esencial do traballo da ONG. Grazas a el e con fondos da ONG rehabilitouse a maternidade de KeurMoussa para atender a 50 partos ao mes de mulleres da rexión. Un logro sen igual nunha zona tan difícil. A ONG, que continuará o seu traballo no Senegal, iniciou xa a súa extensión a outros países como Togo e Gambia coa contribución da Fundación Jesús Serra (Grupo Catalana Occidente), e moi pronto se vai lanzar ao mesmo cometido en Cabo Verde. En todos estes países as necesidades sanitarias e de formación son inxentes”.

Pilar Otero indicou que “a exposición vai dirixida ao público en xeral e quere amosar desde unha perspectiva de xénero e infantil a situación da muller no Senegal, as secuelas xinecolóxicas que conleva a precariedade sanitaria e as secuelas psíquicas e físicas que carrexan prácticas tan aberrantes como a mutilación xenital feminina”.

E engadiu: “coa colaboración do Concello de Ribadeo poderán verse na exposición máis de 60 fotografías que queren espertar conciencias e devolver un sopro de esperanza a aquelas persoas que confían nun mundo máis xusto e solidario. A mostra poderá visitarse no Forte de San Damián do 4 ao 29 de agosto en horario de 12 a 14 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes”.

Pilar Otero agarda que “todas as persoas que visitan Ribadeo e todos os ribadenses poidan pasar polo forte para desfrutar deste lugar tan emblemático que temos en Ribadeo e, sobre todo, para ver esta magnífica exposición, que seguro que non os vai deixar impasibles”.

Ao acto de inauguración, que tivo lugar na tarde de onte, asistiron os concelleiros de Cultura, Medio Ambiente e Medio Rural, Pilar Otero, Mónica Freire e Jorge Díaz.

Exit mobile version