Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras da Estrada da Estación de Ribadeo, que rematarán en setembro, reciben estes días aglomerado

Ribadeo, 25 de agosto de 2021. As obras da estrada da Estación rematarán a mediados do vindeiro mes de setembro. Estes días trabállase no aglomerado da calzada. As tarefas foron supervisadas polo alcalde en funcións, Pablo Vizoso, e os concelleiros de Obras, Medio Ambiente e Cultura, Mónica Freire, Jorge Díaz e Pilar Otero.

O rexedor declarou que “achegámonos ás obras que se están acometendo na rúa da Estación e puidemos comprobar cómo avanzan a moi bo ritmo. Actualmente xa se están realizando os traballos de asfaltado e agárdase que poda ser aberta a mediados de setembro”.

Para Pablo Vizoso “esta obra supón unha mellora importantísima e unha verdadeira transformación desta zona gañando en accesibilidade e en seguridade, tendo en conta que se trata dunha vía moi empregada polo transporte pesado. Amplíase a anchura da vía, constrúense beirarrúas, novas luminarias, de xeito que a rúa resultante nada terá que ver coas súas condicións anteriores”.

E subliñou que “se trata dunha inversión que rolda os 360.000 euros, dos que a maior parte son financiados pola Deputación de Lugo, a través da Área de Medio Rural, mediante un convenio asinado co Concello e o resto, uns 80.000 euros, asúmeos directamente o Concello de Ribadeo dos seus fondos propios”.

O alcalde en funcións indicou que “a esta rúa da Estación tamén se accede dende a estrada de Vilela, que tamén proximamente será obxecto dunha importantísima mellora co cal todo este núcleo, toda esta zona experimentará un notable avance grazas ao compromiso e á decidida colaboración entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo”.

A concelleira de Obras, Mónica Freire, explicou que “unha vez feitas as labores iniciais de desmonte para ampliar o ancho do viario, que duplicaron a anchura da vía ata un total de 10 metros, a e execución dos muros por un lado e a beirarrúa polo outro, estes días estanse a realizar os traballos de aglomerado da calzada, traballos que quedarán rematados esta semana. Estes días estívose a traballar na colocación da nova iluminación led, que incluirá puntos de luz extra nos pasos de peóns, para aumentar a seguridade da vía, e rematando as beirarrúas”.

A edil nacionalista dixo que “ quedarán para as vindeiras semanas os traballos de dotación de novo mobiliario urbano con bancos de madeira e papeleiras de aceiro inoxidable e a colocación de árbores nunha das marxes da estrada con titores de madeira, dispostos sobre alcorques, xunto co remate na sinalización tanto horizontal como vertical”.

Freire manifestou que “a mellora desta rúa da Estación, os traballos realizados durante o pasado ano na estrada de Ove e o anuncio da Deputación de Lugo do inicio da licitación da mellora da estrada de Vilela van cambiar radicalmente esta zona da vila e, ao mesmo tempo, a accesibilidade sobre todo das parroquias do interior que queiran saír con transporte pesado cara á autovía ou ás vías de comunicación máis importantes de Ribadeo”.

Exit mobile version