O presidente de Apaga, Álvaro Doural, referiuse á inauguración do museo de José Barro: “foi un acto moi emotivo porque estivo a familia de José Barro, as sobriñas que teñen noventa e pico anos, e moita xente. Creo que quedou moi ben. É un inicio. Iremos incorporando novas cousas. A xente está chamando para doalas. A iniciativa está a ter moi boa acollida. Nós miraremos de programar algunha visita guiada desde a asociación e despois iremos incorporando actividades. Nós pretendemos que non sexa un centro de almacenamento de materiais senón un museo activo”.
Sobre o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos Doural dixo que “a semana está sendo moi intensa porque hai moitas actividades no Fórum. É un ano moi especial, con moita presión pola pandemia, pero en xeral todo está indo moi ben”.
Un grupo dos asistentes ao Fórum coñeceron onte as Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo. Hoxe será tempo para visitar a empresa Shiifos, en Ribadeo, que se dedica á micoloxía ecolóxica sostible. Mañá, venres, seguirán as charlas durante a mañá e pola tarde terá lugar a presentación do Mercedes Clase S e do Ford Mustang Mach-E.