A alcaldesa na súa intervención trasladou o “orgullo de todo o pobo de Barreiros por contar entre os veciños con Antonio López ao frente dunha das institucións máis importantes deste País” e cualificou o acto “non só como un recoñecemento á súa persoa, unha mostra de afecto do seu pobo que ten o orgullo de contar con el e coa súa valía. É tamén un xeito de recoñecer o seu traballo e a súa dedicación ao ensino público, á posta en valor das universidades públicas deste País que levan centos de anos formando xeracións de galegas e galegos que agardemos que algún día, poidan deixar todo o aprendido neste País.”
Ana Ermida trasladoulle o agradecemento “por seguir traballando para que a Universidade de Santiago de Compostela, con máis de 500 anos de historia, siga facendo posible que as fillas de costureiras, de labregos, de obreiras accedamos, se o desexamos a estudos universitarios”.
O proxecto ‘O Camiño a Bocados-My way’ da Asociación AXEL, pretende promocionar os diferentes camiños ao seu paso por Lugo e forma parte do programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia.
‘O Camiño a bocados’ quere poñer en valor a gastronomía e o patrimonio natural e cultural das zonas que percorre a ruta xacobea a través de accións promocionais difundidas en plataformas como redes sociais ou blogs. A proposta incluiu tamén o nomeamento de persoas como embaixadoras nos concellos de Samos, Castroverde, Trabada, Baleira, Lourenzá e Triacastela.
O proxecto pretende que se promocione o Camiño de Santiago ao seu paso por diferentes territorios, e tamén o patrimonio natural, cultural e gastronómico dos mesmos. Así, ademais de recoller a figura que se lles entrega aos embaixadores, Antonio López recibiu un carolón, doce típico de Barreiros, de mans da alcaldesa.
A figura que recibiu Antonio López, é obra de María Sánchez Castedo (Ceniza de Papel), a obra representa a natureza pola que descorren as distintas rutas e contén no seu interior un medallón que simboliza a experiencia persoal e particular das persoas que fan o Camiño, daí que non haxa dúas iguais, porque cada persoa sente e percorre o Camiño á súa maneira.