Burela, 10 de agosto de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, fixo un balance moi positivo da homenaxe que Burela lle rendeu ao bonito a pasada fin de semana. O rexedor dixo que houbo moita xente e que todos os espectáculos se desenvolveron de xeito seguro e perfectamente organizados.
Llano sinalou que “esta nova edición do que tiña que ser a Feira do Bonito, que non se puido celebrar coas súas connotacións normais, tivo unha repercusión enorme e positiva nestes tres días. Houbo moita xente sen chegar ao caos, todos os eventos que se fixeron estiveron perfectamente organizados e o público participou en todo aquilo que se ofreceu”.
Para o alcalde burelés “un dos atractivos que se fixo este ano foi a través dos restaurantes, bares e todos os locais de hostalería, que participaron masivamente, para agrandar a figura do bonito preparando ese prato das infinitas maneiras nas que se pode tomar. Fixemos todo o posible para que a pesca de Burela en xeral, e o bonito en particular, tivese repercusión, promoción e esa información suficiente para que se saiba que aquí seguimos pescando dunha forma sostible, respectuosa co medio ambiente e tendo en conta sempre a calidade do peixe que se trae ao noso porto. Penso que se acadou ese obxectivo”.
O rexedor engadiu que “os espectáculos foron moi bos. O Mago Antón estivo todo o venres actuando con moitísima xente, o concurso Amarte tivo unha calidade extraordinaria na pintura que se fixo este ano co que estamos construíndo pouco a pouco un museo exterior no porto que representa moitas características de Burela e tamén o venres tivemos o concerto de Luar na Lubre, onde se puido ver a organización cumprindo con toda a normativa sanitaria e puidemos desfrutar dunha actuación boísima que gustou a todo o mundo. Tamén tivemos o Tribu Folk e o concerto de Eladio y los Seres Queridos. Todo no seu conxunto creo que foi unha forma moi boa de promocionar e atraer xente a Burela sen que houbese unha masificación extraordinaria”.
Alfredo Llano pensa que “tal como se levaron as cousas para o ano que ven vai facerse unha Feira do Bonito espectacular, se podemos realizala como na normalidade que corresponde. Hai que felicitar tamén a toda a xente que participou como Ledicia e o Concello. Estamos realmente contentos de como saíron estes tres días desta última fin de semana”.