Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reparte case 260.000 euros entre 13 concellos das reservas da biosfera da provincia para apoialos na mellora do patrimonio natural

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2021. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede un total de 13 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 260.000 euros, para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nas tres reservas da biosfera da provincia de Lugo: Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Terras do Miño.

Tal e como adiantou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución cos resultados da terceira convocatoria deste programa de axudas, a de 2021, que no conxunto das seis reservas declaradas na Comunidade se resume na concesión de 27 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 600.000 euros.

Un total de 13 deses municipios teñen parte do seu territorio nunha das tres reservas da biosfera lucenses e beneficiaranse dunha subvención para enriquecer as condicións medioambientais e paisaxísticas

No caso concreto da reserva dos Ancares Lucenses, os concellos beneficiarios foron Navia de Suarna e Becerreá, que recibirán máis de 55.000 euros para a colocación de paneis informativos sobre o patrimonio natural do municipio, no caso de Navia de Suarna, e para o acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo, en Becerreá.

Un total de cinco dos municipios que conforman a parte galega da reserva Río Eo, Oscos e Terras do Burón, xa que comparte terreos co Principado de Asturias, recibirán outras tantas subvencións, cun importe global de 77.888 euros. Os beneficiarios son Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Trabada e Ribadeo. Grazas a estes incentivos da Xunta, levaranse a cabo actuacións de mellora e acondicionamento nas sendas, roteiros e praias; así como a recuperación dun muíño de roda horizontal en Negueira de Muñiz.

Por último, a reserva Terras do Miño absorbe case o 50% do orzamento que se concede na provincia, cunha axuda total de 125.127 euros para repartir entre os concellos de Castroverde, Outeiro de Rei, Alfoz, Cospeito, Guntín e O Páramo. Grazas a estas subvencións levaranse a cabo proxectos como a mellora do centro de interpretación da Lagoa de Cospeito ou a adecuación da casa-escola do Pereiro, en Alfoz, como centro de interpretación da natureza.

A Consellería de Medio Ambiente destaca o éxito deste programa de axudas, que espertou interese entre os concellos, tal e como demostra o feito de esgotar o crédito dispoñible. Os resultados da convocatoria de 2021 incrementan os logros xa obtidos nas dúas anteriores —2019 e 2020—, grazas as cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros. É dicir, a Xunta mobilizou en tres anos algo máis de 1,5 millóns de euros para 71 proxectos.

Asemade, lembra que Galicia é a terceira comunidade que máis recursos obterá dos fondos europeos de recuperación, polo que convida aos concellos integrados nunha reserva da biosfera a optar a unha axuda da partida de 6,4 millóns de euros.

Exit mobile version