Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 59.000€ a acondicionar os locais sociais de catro asociacións de veciños de Ribadeo

Ribadeo, 2 de agosto de 2021. A Xunta de Galicia destina máis de 59.000 euros a catro asociacións de veciños de Ribadeo para o acondicionamento e equipamento dos seus respectivos locais sociais a través dun programa de axudas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes das entidades beneficiarias, as asociacións de Cubelas, Cinxe, O Cantal e Virxe de Vilaselán, e destacou o papel fundamental que xoga o movemento veciñal na dinamización social e cultural de barrios e pobos, especialmente no ámbito rural. “A Xunta habilita estes apoios para contribuír a ese labor, que mellora a calidade da vida local”, apuntou.

A xuntanza tivo lugar nas antigas escolas de Vilaselán, que actualmente utilizan os veciños e veciñas da parroquia. A asociación dispón dunha axuda de 12.400 euros para arranxar as ramplas de acceso para persoas con mobilidade reducida, reparar a cuberta, adquirir mobiliario, repintar paramentos interiores, acondicionar a iluminación e mellorar a calefacción das aulas para cursiños.

As entidades de Cubelas e O Cantal obtiveron a contía máxima de 17.000 euros cada unha -12.000 para obras e 5.000 para equipamento- que destinarán a actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora das dotacións. Pola súa banda, a asociación de Cinxe recibe 12.750 para actuar sobre a accesibilidade, cambiar fiestras e pintar o exterior do local social.

Este programa de achegas está destinado tamén a comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, sempre que estean debidamente inscritas no rexistro público correspondente. O obxectivo é mellorar os inmobles da súa titularidade -ou dos cales lles corresponda o dereito de uso- así como as traídas de auga veciñais, e fomentar a participación veciñal e a cohesión social.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destacou “o traballo conxunto coas asociacións do rural do municipio que, a través de axudas da Xunta, poderán mellorar as escolas das súas parroquias”. Así, a Xunta achega 17.000 euros para a mellora da escola de Cubelas, outros 17.000 euros foron concedidos á asociación de veciños de Rinlo, a asociación da Rochela recibirá 12.750 euros e 12.423 serán achegados á asociación de Vilaselán para acometer distintas melloras. En tódolos casos, as axudas tamén servirán para dotar de medios aos locais sociais destas parroquias.

Exit mobile version