Riotorto, 2 de agosto de 2021. A Xunta de Galicia investiu 150.000 euros na mellora da estrada de titularidade municipal que conecta os núcleos de Bretoña, na Pastoriza, e As Rodrigas, en Riotorto. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, executada ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) da Consellería do Medio Rural.
Arias explicou que se renovou o firme nun tramo de tres quilómetros de lonxitude cun ancho variable de entre 4,20 e 4,40 metros; elimináronse as fochancas e aplicouse unha capa de regularización antes de estender a nova capa de rodadura de mestura asfáltica en quente. Os traballos tamén incluíron a limpeza e apertura de cunetas e o repintado da sinalización horizontal.
Ademais, no punto quilométrico 0,8 -no municipio de Riotorto- corrixiuse o trazado dunha curva para mellorar a visibilidade e afastar o eixo da estrada do terraplén da marxe esquerda, revestiuse con formigón un tramo de 98 metros nesta zona para evitar que a auga siga socavando a ladeira e instalarase unha barreira de seguridade en 40 metros.
Arias destacou a importancia de “manter en condicións óptimas as vías rurais, que conectan a maior parte dos núcleos de poboación da provincia e inciden directamente nas condicións de vida e de traballo dos veciños e veciñas”.