Lourenzá, 30 de agosto de 2021. A xornada dedicada á pintora Julia Minguillón, organizada polo Concello de Lourenzá e a asociación Patrimonio Laurentino, congregou a numeroso público no claustro de San Francisco este pasado sábado.
As relatoras foron a directora do Museo Provincial de Lugo, a museóloga Aurelia Balseiro García, e María Fidalgo Casares, que é doutora en Historia do Arte e membro da Academia Andaluza de Historia. Tamén interveu a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, quen posteriormente fixo balance da xornada e amosouse moi satisfeita: “foi un éxito, asistiu moita xente e quedaron encantados”.
Como explicaron os organizadores, o obxectivo desta actividade era poñer en valor e dar a coñecer a obra de Julia Minguillón, que é moi extensa e moita dela está centrada en Lourenzá. Fíxose agora porque se cumpren 80 anos do Premio Nacional de Belas Artes concedido a Julia Minguillón polo seu cadro sobre a escola de Doloriñas, do barrio de Villapol, pertencente ao concello de Lourenzá.
Julia Minguillón naceu en Lugo, pasou a súa infancia en Lourenzá, onde seu pai exercía de boticario, ata a súa adolescencia, cando foi estudar a Valladolid e Burgos, pero a súa familia continuou residindo en Vilanova e ela visitábaos a miúdo. Cando sucedeu a Guerra Civil regresou a Lourenzá, onde viviu uns anos e pintou varias obras, como A escola de Doloriñas, cadro que participou en exposicións internacionais moi importantes: en Berlín, Venecia, Río de Janeiro, … Esta obra pertence actualmente ao Reina Sofía, pero está cedido ao Museo Provincial de Lugo.