Ribadeo, 27 de agosto de 2021. Coa presentación para A Mariña do Ford Mustang Mach-E, realizada por Talleres Cardi, rematou en Ribadeo o X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se veu celebrando desde o pasado martes organizado por Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia).
O Ford Mustang Mach-E é un modelo silencioso e ecolóxico, segundo explicaron os representantes da marca. Tamén esta tarde foi presentado o Mercedes Clase S. O encargado de realizala foi Álvaro Saucas, enxeñeiro industrial e periodista da revista Autofácil-Evo.
Álvaro Doural, presidente de Apaga, fixo unha valoración moi positiva do X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que incluíu talleres, charlas, visitas a varias empresas da zona e ás Covas do Rei Cintolo, así como unha exposición de pintura de Esther Páez na Casa de El Viejo Pancho, en Ribadeo, e a inauguración do centro de interpretación do empresario José Barro, en Mondoñedo.
Na asemblea xeral de Apaga, celebrada onte, acordouse a continuidade da actual xunta directiva.