Site icon Crónica3.com A Mariña

A piques de rematar en Ribadeo a pintura mural de Joseba Muruzábal, que lle foi encargada polo Concello coa intención embelecer a zona

Ribadeo, 18 de agosto de 2021. A piques está de rematar na Avenida de Galiza a pintura mural de Joseba Muruzábal, que lle foi encargada polo Concello coa intención embelecer esa zona. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, destacou que “queremos tamén render homenaxe a Concha, unha veciña de Ove de 90 anos, que leva toda a vida traendo os produtos da súa hora ao mercado de Ribadeo, e ao comercio de proximidade”.

A edil ribadense contou que “se están a desenvolverse os traballos que o Concello lle encomendou facer nun edificio da Avenida de Galiza a Joseba Muruzábal, mozo muralista de orixe ribadense. Trátase dun proxecto que nace de conversas xa do ano pasado e que a covid ou a propia dispoñibilidade de Muruzábal retrasaron ata o de agora”.
Pilar Otero dixo que “nas últimas décadas tense reflexionado sobre como medraron as nosas vilas e cidades, sen planificación moitas veces, e de como serían convenientes medidas para facelas máis fermosas e habitables. Para remediar isto en parte, nos últimos anos tense aproveitado en todos os lugares do mundo a arte mural. Onda nós podemos comprobalo nas vilas de Burela ou de Sarria, na cidade de Lugo, no barrio de Canido en Ferrol, en Quiroga, en Navia de Suarna, en Oleiros ou en Carballo, entre outros concellos”.

A concelleira de Cultura sinalou que “os murais contribuíron en todos estes sitios a embelecelos e mesmo a recuperar algúns que estaban degradados. Mesmo son atracción turística e hai roteiros organizados para velos todos. A arte mural convértese así nun medio para facer máis vivibles, as nosas cidades”.

Otero Cabarcos explicou que Joseba Muruzábal (Cambre, A Coruña, 1984), de nome artístico JOSEBA MP, é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e hoxe en día é un dos máximos expoñentes deste tipo de traballos artísticos dos que falabamos e os seus deseños xa os hai en moitas vilas. En Ribadeo participou en tres edicións de Mariñarte, a mostra de arte contemporánea que amosou durante anos os traballos de artistas mozos da comarca. Nesta etapa concreta da súa traxectoria, na que se insire o mural ribadense, sempre escolle como modelos mulleres maiores, das que traballaron toda a vida, case sempre na terra. En cada concello inspírase nunha veciña real e cando a debuxa convértea nunha supermuller para transmitirnos así o importante que é esa xeración que aínda está con nós”.

A concelleira de Cultura subliñou que “a elixida nesta ocasión é Concha de Ove, unha muller de 90 anos, a piques está de cumprir 91, que leva toda a vida traendo os produtos da súa horta ao mercado. Queremos que sirva de homenaxe en particular a esta veciña e a todas as Conchas, a todas as mulleres traballadoras coma ela de Ribadeo, e tamén en xeral ao comercio de proximidade”.

Pilar Otero engadiu que “o traballo feito supuxo unha man de imprimación previa a esa fachada cega do edificio e as pinturas que se utilizan son de primeira calidade, pois o que se persegue é que este traballo artístico permaneza no tempo. Pensamos que a vila, e a perspectiva desa rúa en concreto, unha das máis transitadas, mellorarán con este deseño xigante nunha das entradas principais de Ribadeo”.

Exit mobile version