Segundo explicou a alcaldesa, Ana Ermida, “mellorouse a seguridade arranxando e colocando novas varandas de protección en varios puntos e instalando malla antiesvaramentos nas pasarelas de madeira. Ademais, procedeuse á retirada de especies invasoras, particularmente na zona da área recreativa.”
A última intervención, que está sendo realizada esta semana, inclúe o arranxo con motoniveladora dos accesos que se atopaban en mal estado; ao tempo que se pretende establecer un sentido único de circulación para aquelas persoas que desexen achegarse en vehículo ata a contorna da capela. Así, estase procedendo á sinalización direccional mantendo o acceso xa existente para a entrada e habilitando como saída o camiño que se dirixe cara á contorna da autovía.
Outras das actuacións que se desenvolveron foi o incremento da sinalización direccional desde San Cosme e a instalación de paneis de aviso de riscos e de normas de convivencia co fin de “mellorar a experiencia dos visitantes, advertir de que se trata dunha contorna natural non exenta de riscos e concienciar sobre a necesidade de protección dun espazo tan sensible.”
Desde o Concello desexan que estas actuacións redunden nunha mellor imaxe deste recurso turístico tan representativo para Barreiros.