Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste máis de 500.000€ nunha estrada que conecta a zona rural co centro de Ribadeo

Lugo, 21 de agosto de 2021. A Deputación de Lugo vén de licitar a rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-5207, que une a zona rural co centro de Ribadeo. Estes traballos, que contarán cun orzamento de 524.000€ e un prazo de execución de 12 meses, levaranse a cabo nun tramo de algo menos dun quilómetro á altura do inicio da estrada, entre os puntos quilométricos 0,500 e 1,129. A vía provincial, que vai a Vilela, dotarase de beirarrúas no paso sobre as vías do ferrocarril.

O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, destacou a importancia destas actuación, que “dará un mellor servizo a uns 2.000 veciños e veciñas de catro parroquias do rural, como son Ove, Cubelas, Arante e Cedofeita. Esta estrada serve de vía de incorporación ao centro de Ribadeo”. “Tamén respondemos á demanda dos pais e nais dos nenos e nenas que adestran na instalación deportiva de Ove, xa que incrementa a seguridade nas viaxes que realizan”, sinalou Tomé Roca.

Así mesmo, esta vía provincial dá acceso ao campo de fútbol municipal Pepe Barrera, visitado pola veciñanza as fins de semana. José Tomé valorou positivamente estas actuacións que “serven de exemplo para demostrar que estamos traballando nun dos principais obxectivos deste goberno, como é a mellora da mobilidade, necesaria para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial”.

Exit mobile version