Lugo, 24 de agosto de 2021. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este martes na inauguración do X Forum de Innovación e Formación sobre Vehículos, organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) en Ribadeo. Esta cita, que reúne a 50 profesionais, estudantes e afeccionados do sector, celébrase ata o venres e conta con 32 horas de actividades relacionadas co mundo da automoción.
A Deputación colabora con esta xornada cunha achega económica de 3.000 euros co obxectivo de impulsar e apoiar o sector do automóbil. García Bermúdez valorou este apoio a APAGA. “A Deputación de Lugo ten unha firme aposta de colaboración co tecido asociativo -social ou profesional– da nosa provincia. E os obxectivos fundacionais de APAGA, coa súa aposta pola formación e pola información, benefician, non só a un amplo conxunto de profesionais do sector, senón que aportan seguridade e coñecemento ó conxunto da sociedade”, subliñou a Deputada, quen recalcou a especial capacidade deste colectivo “para integrarse en proxectos pioneiros de formación a nivel internacional, englobados baixo o prestixioso paraugas das políticas Erasmus+ da Unión Europea”.
“O foro é unha cita que, dende o ano 2012, se converteu nun referente no debate e no coñecemento en torno ó mundo do automóbil, o transporte, a seguridade ou as innovacións tecnolóxicas relacionadas co sector da automoción no sentido máis amplo do termo”, destacou Mayra García.
No acto de inauguración tamén participaron o presidente de APAGA, Álvaro Doural Leiras, a Concelleira de Ribadeo e Deputada de Medio Rural e do Mar e Mocidade, Mónica Rancaño, e a secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro.