Burela, a 23 de agosto de 2021. O Grupo Municipal Popular por medio da súa vicevoceira, e recentemente nomeada como Coordinadora de Mar dentro da executiva do presidente Feijóo, Yovana Oroza, ven de trasladar estes días á Consellería do Mar as inquedanzas que, dende parte do sector da pesca recreativa, en particular do de Burela, espertou a nova resolución elaborada por Portos de Galicia.
“Trátase dunha resolución pioneira que trata de dar unha cobertura legal a unha práctica que, ata o de agora, non a tiña”, indica Oroza. “Consideramos que dende Portos de Galicia se traballou coa mellor das vontades na elaboración desta regulamentación, de feito, contouse co asesoramento de numerosas federacións para tratar de sacar unha resolución o máis consensuada posible”.
Yovana Oroza entende “que sempre hai cuestións que poden ser mellorables, iso si, tendo en conta as necesidades e circunstancias dos usuarios profesionais dos portos, tanto a nivel pesqueiro como a nivel comercial, como é o caso do de Burela”. E segue, “debemos lembrar que Portos de Galicia, dun xeito ordenado, sempre nos manifestou a súa vontade de permitir a pesca recreativa, e demostrouno coa elaboración desta resolución traballando man a man cos implicados e confiando sempre no máximo compromiso dos afeccionados á hora de levar a cabo o seu cumprimento para poder avanzar cara a unha maior apertura”.
No referente á situación do Porto de Burela, “conseguiuse que as instalacións portuarias da nosa vila se incluíran dentro dese 66% de portos nos que se permite a práctica da pesca recreativa baixo determinadas condicións, cando foron moitos os rumores que, tratando de contaminar aos pescadores, indicaban que ía quedar incluído dentro dos portos onde non se permitía esta actividade”. “Pero unha vez máis o rigor, a seriedade, o traballo e o tempo, demostraron que a nosa formación non lles fallou aos afeccionados á pesca recreativa da nosa vila”.
A popular considera que “no seu momento, cando a situación era máis complicada a finais do pasado ano, dimos a cara e lideramos esta iniciativa e, unha vez máis, coa máxima serenidade e compromiso, remitimos as inquedanzas deste sector tan importante para nós”. Neste sentido, comenta que “trasladóusenos, por parte da Consellería, o firme compromiso de estudar coa máxima atención as posibles melloras, que dende o punto de vista dos afeccionados, podería ter a resolución, vendo se é posible encaixar as peticións dentro da regulamentación xa que, hai que lembrar, que se trata dunha resolución que engloba a tódolos portos galegos, non sendo específica dun só, que trata de reverter unha situación de ilegalidade que se viña producindo dende o ano 1972”.
Críticas á actuación do goberno local socialista
“En todo este tempo”, manifesta Oroza, “non vimos o máis mínimo apoio, nin movemento, por parte do alcalde Llano e do seu equipo de goberno para tratar de axudar ao sector da pesca recreativa, e iso que, tendo en conta a posición do sr. Llano ben puido exercer de mediador entre os veciños e veciñas da vila que practicaban a pesca recreativa e os corpos e forzas de seguridade, evitando así certas situacións incómodas, tal e como si sucedeu noutros concellos da Mariña, onde os afeccionados de Burela se desprazaban para poder practicar a súa paixón. Pero nada de nada, o sr. Llano nin está nin se lle espera”.
E finaliza, “descoñecemos se, agora que todo xa está encamiñado, el ou algún outro membro do seu equipo, van a tratar de aparentar que fan algo polos afeccionados, para nós, dende logo, non sería unha novidade, xa que este é o modo de proceder habitual do sr. Llano e do seu equipo”.