Ribadeo, 18 de agosto de 2021. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo xunto ao profesor e membro do grupo de investigación de Patoloxía na Acuicultura da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Luís Barja, para coñecer o traballo realizado no centro no marco da colaboración entre as partes para mellorar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiros. Neste sentido, a titular de Mar salientou a importancia de que as distintas institucións sumen sinerxías co obxectivo de optimizar a produción de semente e a repoboación dos bancos marisqueiros.
A representante da Xunta, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, explicou que a última colaboración entre a Consellería do Mar e a USC tradúcese nun convenio asinado a comezos de mes que ten como finalidade minimizar o impacto das patoloxías bacterianas en criadeiros de moluscos bivalvos, impulsar a produción de semente nestas instalacións e avanzar na posta a punto de procedementos microbiolóxicos de manexo en criadeiro.
O protocolo acordado entre as partes, que conta cun orzamento de máis de 162.000 euros e vixencia ata finais de 2023, tamén pretende racionalizar o seguimento das actuacións microbiolóxicas nos cultivos de moluscos bivalvos realizado ao abeiro das accións de investigación despregadas nas distintas instalacións de cultivo dependentes da Consellería do Mar.
Rosa Quintana subliñou que o labor conxunto da Xunta e a USC se centrará no binomio fitoplancto-larvas como eixo principal para o control microbiolóxico do criadeiro de bivalvos e na dinámica dos patóxenos bacterianos co fin de minimizar o seu impacto no cultivo larvario das distintas especies. Trátase dun traballo que terá en conta os resultados obtidos neste eido en colaboracións anteriores entre as partes e que reflicten que os patóxenos larvarios que limitan o avance da produción en criadeiro parecen estar asociados á instalación e/ou condicións de cultivo.
Por iso, o convenio céntrase no estudo das posibles dificultades de produción existentes nas instalacións de cultivo que o CIMA ten en Ribadeo e tamén no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependentes da Consellería do Mar, para detectar posibles patóxenos nas especies en diferentes etapas de cultivo. Os traballos tamén inclúen a análise global dos datos biolóxicos-microbiolóxicos integrados dos criadeiros deses dous centros da Xunta e o estudo de diferentes tipos de cultivo de fitoplancto, a súa incidencia e factores que inflúen na proliferación de patóxenos.
A titular de Mar salientou que este tipo de colaboracións e investigacións con outras institucións son fundamentais para acadar o obxectivo de incrementar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiros e cubrir as necesidades de recurso co que repoboar os bancos marisqueiros para aumentar a súa produción.
Outras colaboracións
Esta acción de investigación conxunta entre a Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela dá continuidade a outras colaboracións, como as seladas en 2019, para estudar melloras na produción de semente en criadeiros e o desenvolvemento larvario dos bivalvos con ese mesmo obxectivo de favorecer o abastecemento do sector e así incrementar a produción marisqueira e os ingresos dos profesionais que desenvolven esta actividade.
A aposta da Xunta pola mellora na produción de semente de moluscos bivalvos tamén se estende á captación de fondos europeos Next Generation e, de feito, o proxecto proposto pola Consellería do Mar para optar a eles inclúe entre as súas accións un plan integral de recuperación e reforzo da produción de moluscos bivalvos nas rías de Galicia. Ese plan busca avanzar na coordinación dos esforzos e capacidades de investigación existentes e na aplicación demostrativa do coñecemento dispoñible asociado a estes recursos.