Burela, 24 de agosto de 2021. CIG Saúde A Mariña denuncia que o hospital queda sen especialistas en uroloxía durante a segunda quincena de agosto, o que na práctica supón a paralización e suspensión de todas as consultas, revisións, operacións cirúrxicas e o traslado das urxencias de uroloxía ao HULA.
NIN BLINDAXE DO HOSPITAL, NIN MÁIS E MELLORES SERVIZOS.SÓ MENTIRAS.
Dende o sindicato nacionalista lembran que o 30 de agosto de 2017 José Manuel Balseiro, explicou que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña lonxe de debilitar o Hospital da Mariña permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, “algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular”, sinalan.
O 6 de setembro de 2017 o anterior Conselleiro de Sanidade afirmaba que con esta reforma sanitaria, “avanzaríamos” nun maior número de actividades que se poidan levar a cabo nos hospitais comarcais grazas ao desprazamento de especialistas que acudirían dende os hospitais centrais ata os comarcais, evitando dese xeito os desprazamentos dos cidadáns (unha mentira máis).
O 21 de abril de 2020 a Xunta anunciaba que o futuro da sanidade galega será por teléfono, “é este un exemplo do futuro da sanidade pública da Mariña anunciado por Alberto Núñez Feijóo”, pregúntanse dende CIG Saúde A Mariña, “poden indicar como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia?, pois trasladando aos pacientes ao HULA como están a facer”, inciden.
EXPLICACIÓNS E SOLUCIÓNS.
“Gustaríanos saber onde anda agochado nestes momentos Feijóo para que nos relate cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”, pregúntanse.
Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, esixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión.
Por todo o anterior tamén animan a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.
A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. E con este obxectivo, “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.