Burela, 1 de agosto, 2021. Un dos grandes baluartes do Pescados Rubén Burela FS, a capitá Patricia González Mota, seguirá sendo laranxa. “Foi todo moi doado, ambas as partes tiñamos interese na miña continuidade. Non me vexo noutro sitio que non sexa Burela” confesaba cun amplo sorriso a ala-pivote, Peque, reafirmando o seu compromiso na Mariña ata 2024.
A internacional española sumará a súa novena tempada formando parte das Guerreiras Laranxas, a cuarta consecutiva tras o seu periplo no “calcio a cinque”. Encadeando nin máis nin menos que 9 títulos nacionais, internacionais e autonómicos desde xuño de 2019 coa I Copa de S.M. A Raíña, Peque ve a un Pescados Rubén que pode seguir medrando, sen límites: “Burela sempre configura un cadro para gañalo todo. Queremos seguir facendo historia; reforzámonos con xogadoras novas e cunha gran proxección. Se se axustan ben ao equipo, podemos dar un paso adiante con respecto ao ano pasado”, explicaba a 7 burelista, a tan só uns días volver ao traballo.
“Vai ser unha tempada moi esixente, con moitas competicións, cos compromisos da Selección, nos que espero estar. Pero seguimos con todas as ganas. A filosofía do camiño debe ser a mesma, en cada competición pasiño a pasiño e seguir crendo no traballo diario”, aseguraba Peque.
Con esta renovación, Peque é a 13ª Guerreira para 2021-22, nunha escuadra na que volverá compartir vestiario con Ale de Paz, Leti, Jenny, Cilene, Cami, Dany, Elena Aragón, Sandra Buzón e Jozi, coas incorporacións de Irene Samper, Elenita e Emilly.
Final del formulario