Lugo, 7 de agosto de 2021. A Deputación de Lugo, no marco da súa política exhaustiva de cumprimento dos protocolos sanitarios de prevención da Covid-19, continuou realizando cribados diarios no Centro de Atención a Maiores de Ribadeo durante esta semana. Nesas probas, obtivéronse datos non concluíntes sobre posibles novos casos no centro, polo que se lle trasladou esta información ás autoridades sanitarias. A dirección do Centro de acordo co Sergas decidiu adiantar o cribado previsto para o vindeiro luns a este venres, onde se obtiveron 4 novos positivos.
Seguindo cos estritos protocolos que se mantiveron ata o momento, os 7 residentes que deron positivo atópanse illados nas súas habitacións. Están asintomáticos e un deles permanece estable no centro hospitalario, quen se atopa ingresado pola mala evolución das patoloxías previas que viña padecendo.
Dende a dirección deste Centro de Atención a Maiores trasladan que a situación está controlada e manifestan que continuarán cumprindo os rigorosos protocolos establecidos, tendo en conta que o risco cero non existe entre persoas convivintes.
A Deputación de Lugo continúa coa súa política de máxima transparencia e de resposta inmediata con cribados ante calquera caso positivo ou sospeitoso de selo para protexer a saúde dos traballadores e traballadoras da institución, así como dos usuarios e usuarias dos servizos públicos que ofrece, e de todas as persoas que acceden ás dependencias provinciais, garantindo, ao mesmo tempo, a continuidade e a normalidade na prestación dos servizos.