O 25 de Xullo sempre foi un día especial para min; Día de Santiago cando era neno e Día da Patria cando, xa adolescente, tomei conciencia política nacionalista. E todos os anos, cando chega este día, penso no significado que ten.
Esta é unha xornada, en primeiro lugar, de autodentificación para todos aqueles que somos e nos sentimos galegos, vivamos onde vivamos. Non é estraño que Castelao definise este día no seu discurso “Alba de Gloria” como a “Festa Maior de Galicia, a festa de todos os galegos” porque o é tanto para os que temos a fortuna de vivir no país como para a nosa diáspora, espallada polo mundo adiante. É difícil ter unha mínima conciencia reivindicativa se, antes, non tes claro o que es; só por iso, o 25 de Xullo é importante porque é unha data que une.
Pero esta data é, tamén, unha xornada de reivindicación social e política, a de querermos vivir en plenitude coma pobo. E aquí cómpre sinalar que esta acción é máis necesaria ca nunca na actual conxuntura, sexa cal sexa a nosa afiliación partidaria. Hoxe segue sendo difícil vivir en galego con normalidade, somos clamorosamente discriminados polo Estado no referente a investimentos, pretenden recortar a cativa autonomía que temos en fiscalidade e Dereito Civil e, finalmente, non damos respostas á xente nova que quere vivir e traballar no país. Hai moito que mellorar e estamos lonxe dese obxectivo da plenitude ao que aspiramos aqueles que amamos Galicia.
É certo que, a título individual, quizais non sexa moito o que poidamos facer, pero a suma de varias vontades si fai país. O 25 de Xullo é unha oportunidade para sentírmonos orgullosos da nosa condición nacional e exteriorizala, pendurando a bandeira galega no noso balcón ou asistindo ás mobilizacións convocadas co gallo desta xornada de afirmación patriótica.