Site icon Crónica3.com A Mariña

Visita guiada especial á Cova do Rei Cintolo

Mondoñedo, 17 de xullo, 2021. Dende o Concello de Mondoñedo apóstase pola posta en valor dos elementos patrimoniais do concello, entre os que a Cova do Rei Cintolo ocupa un lugar primordial.

Dende fai uns anos o Concello de Mondoñedo ofrece visita guiadas á Galería Central da cavidade como unha iniciación ao mundo da espeleoloxía. Trátase de visitas de algo máis de 1h e 15mins que achegan o mundo subterráneo a calquera persoa que queira coñecelo en estado natural.

Agora, buscado unha mellora na oferta de actividades turísticas dentro da Cova do Rei Cintolo, o Concello de Mondoñedo, en colaboración coa Federación Galega de Espeleoloxía, organizan un guiado especial de visita á cova cun percorrido máis longo.

Este primeiro guiado especial terá lugar o venres día 30 de xullo de 2021 e será a primeiro dos dous que se levarán a cabo este verán.

Neste caso as visitas chegarán á parte baixa da cavidade, ao río da cova, e ocuparán arredor de 3h de actividade. As entradas terán un custo de 30€ por persoa.

Para esta visita especial haberá que solicitar praza na Oficina de Turismo de Mondoñedo a través do teléfono 982 50 71 77 e farase unha visita pola mañá e outra pola tarde do citado día 30.

Por outra banda, dado que esta é unha visita máis longa e complexa, considérase preciso que as persoas que queiran visitala teñan unha forma física boa, xa que a dificultade da mesma é media-alta. Tamén indicar que a idade mínima para poder facer esta visita é de 18 anos.

A finalidade desta acción, que terá outra visita especial en agosto, é a posta en marcha dun novo percorrido a desenrolar a partir do ano 2022 que complemente o xa existente da Galería Central.

Exit mobile version