Ribadeo, a 10 de xullo de 2021. No porto de Rinlo levouse a cabo esta mañá a presentación do programa de actos a celebrar o 30 de xullo, deseñados para render homenaxe ás mulleres do mar, un traballo da asociación O Cantal coa colaboración dos percebeiros e percebeiras e integramente financiado pola Xunta de Galicia.
O portavoz municipal do PP en Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, explica: “Queremos homenaxear ás mulleres do mar con esta iniciativa, que comezou hai tempo, conxuntamente coa asociación de veciños de Rinlo, os percebeiros e percebeiras, en activo e xubilados. Foi un traballo moi importante, defendendo un sector e defendendo sen dúbidas a presencia e o gran labor da muller no sector”.
Engadiu: “Esta homenaxe divídese en varia fases. A primeira foi a gravación do documental, para reproducir nun gran acto, co que se pretende explicar todo o labor destas mulleres, que traballaron incansablemente, que defenderon un sector e que, sen lugar a dúbidas, o seguen representando”.
Daniel Vega di que no programa de actos “tamén hai unha exposición, titulada Xanelas ao mar, que está dividida en dúas partes: unha que percorre todos os bares, restaurantes e hoteis da vila mariñeira de Rinlo; por outra parte, está a mostra que está nestes momentos se pode ver nas rúas de Rinlo, na que se reproduce toda a presencia do sector en cada punto estratéxico desta vila”.
O mesmo portavoz popular sinala: “Queremos rematar esta exposición fotográfica cun gran acto, no que se vai reproducir o vídeo e no que haberá un concerto a cargo de A Roda, que interpretará música mariñeira”.
Un dos aspectos relevantes do programa de actos será a creación dun mural. Vega sinala: “Quixemos contar coa presencia do muralista, do pintor Joseba Muruzábal, que é o pintor das superaboas galegas. É un orgullo contar con este artista de raíces ribadenses, que fará un mural nos edificios do porto de Rinlo, que será unha foto fixa en recoñecemento ás mulleres do mar”. En síntese, segundo indica Vega, “será un acto moi importante, entrañable e de agradecemento a todas as mulleres que defenderon e defenden un sector, o pesqueiro, que é tan importante para Rinlo”.