Isidro Berdeal explica que “para o curso que ofertamos por primeira vez sobre fabricación e mantemento de embarcacións de fibra quédannos as últimas prazas. Froito do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e Astilleros Gondán, este curso formará a futuros traballadores de dita empresa para a súa división de embarcacións de fibra. Os interesados poden presentar as solicitudes ata o 16 de xullo e o período de formación será desde setembro de 2021 ata febreiro de 2022, cun total de 632 horas, nas que o alumnado obterá competencias en pintura, reparación e construción de elementos de plástico reforzado con fibra de vidro en embarcacións”.
Berdeal engade que “os requisitos para acceder a esta formación son os mesmos que para un ciclo medio: ter a ESO ou un curso equivalente ou as probas de acceso a ciclos medios ou cursar unha FP anteriormente”.
Para ultimar os preparativos desta acción formativa o director do CIFP Porta da Auga reuniuse nas instalacións de Astilleros Gondán, no peirao sur de Castropol (preto de Vegadeo), co director desta división, o enxeñeiro Antonio Pacheco, e co xefe de produción da mesma, Boris Cadet.