Site icon Crónica3.com A Mariña

Tras 9 anos, Matamoros deixa de ser laranxa

Burela, 1 de xullo, 2021. Despois de nin máis nin menos que 9 tempadas o camiño Jorge Valhermoso Matamoros sepárase do 10 laranxa. O pivote madrileño, de 36 anos, non continuará nas filas do Pescados Rubén Burela FS tras a finalización do seu contrato no día de onte.

A calidade, profesionalidade e visión goleadora de Matamoros reinaron ao longo de todo este tempo na Mariña. Xuntos, da man, Pescados Rubén Burela e Mata, como referente na capitanía, viviron de todo: momentos delicados e tristes, pero tamén as mellores alegrías do equipo tanto en Primeira como en Segunda, e sobre todo momentos irrepetibles, desde o hattrick da súa estrea de laranxa en 2013 ata o seu último gol, de cabeza, ante El Ejido, na recente fase de permanencia da mellor liga do mundo.

Definitivamente, o teu co balón é outra historia. Alá a onde te leven os teus novos retos seguirás brillando coa túa maxia.

Moita sorte, Mata!

Despedida de Matamoros:

Hai 9 tempadas que cheguei a un club que me acolleu cos brazos abertos, cunha afección única que me fixo sentir especial e unha que xente que me arroupou desde o primeiro día. Recordo o meu primeiro partido co Burela, foi incrible, volvinme ilusionar coa miña profesión.

O fútbol sala apaixóname e estou realmente agradecido ao Burela por confiar en min todos estes anos e poder demostralo o mellor que sei facer.

Cheguei a Burela cheo de incerteza, sen saber se me adaptaría… E mira o que son as cousas: botei raíces, medrou a familia, fixen boas amizades e sentinme un galego máis.

Defender a camiseta laranxa foi unha honra, forma parte de min; e non só da miña traxectoria profesional senón da miña historia persoal. Aquí, en Burela, pasei uns dos mellores anos da miña vida pero tamén os peores e sempre estarei infinitamente agradecido ao club, tanto á directiva como ao corpo técnico, por coidarme e apoiarme, por facerme sentir querido.

Sinto bastante tristeza ao ter que separar o camiño que me une a Burela, pero tamén entendo que todo ten un final. Só podo desexarlle a mellor das sortes a un club que me deu tanto.

Agradezo a compañeiros, adestradores, a todos os traballadores do club, directiva, á Familia Laranxa e a todos os que me apoiaron ao longo destes anos. E por suposto tamén teño que dar as grazas á familia, sobre todo á miña muller e ao meu fillo, polo seu apoio, comprensión e paciencia.

Moitas grazas por todo,

Matamoros

Exit mobile version