Site icon Crónica3.com A Mariña

Trala xuntanza coa ministra deste venres, Conde advirte de que o goberno ten unha semana para concretar cal é a súa proposta en Alcoa e aclarar o seu papel no proceso de venda

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asiste por videoconferencia a unha reunión co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e o comité de empresa de Alcoa para analizar a situación da planta de San Cibrao (Lugo).

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde nunha reunión co Ministerio de Industria, o comité de empresa de Alcoa e os sindicatos na que advertiu de que o Goberno de España ten unha semana –antes de reunirse coa compañía en EEUU– para concretar unha proposta que contribúa a desbloquear a situación na que se atopa o proceso de compra-venda da planta de aluminio en San Cibrao e aclarar cal será o seu papel.

O Goberno galego, que ofreceu toda a súa colaboración, entende que a ministra de Industria, Reyes Maroto, perdeu hoxe a oportunidade de presentar propostas e medidas concretas que se poidan impulsar desde o Goberno para desbloquear a situación actual e facilitar o proceso de venda a través dun acordo entre Alcoa e algunha das empresas que presentaron ofertas.

O vicepresidente económico agarda que a viaxe da ministra á sede de Alcoa en Pittsburgh (EEUU) sirva para achegar posturas e recuperar o tempo perdido, xa que é necesario que se acade un punto de entendemento para que a planta de San Cibrao teña futuro: “De momento non hai unha proposta concreta por parte do Goberno”, asegurou Conde, quen aclarou que queda unha semana e que desde a Xunta se seguirá traballando co Executivo.

Por outra banda, o Goberno non está sendo capaz de establecer un marco enerxético que permita dar continuidade non só á planta de Alcoa na Mariña de Lugo, senón ao conxunto da industria hiperelectrointensiva, unha vez que se constatou o fracaso do estatuto para este tipo de consumidores. De feito, as empresas galegas pagan máis do dobre por MWh que en países como Francia, o que lles impide competir en igualdade de condicións e, ao mesmo tempo, dificulta tamén o proceso de venda da planta de San Cibrao: “É unha demanda común dos compradores: a necesidade de concretar un prezo eléctrico competitivo que garanta a viabilidade da planta”, concluíu.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Exit mobile version