José Tomé avanzou que a partir de mañá os veciños e veciñas da provincia poden solicitar algunha das 1.320 prazas con estancia e sen estancia que ofrece a Deputación a través do programa de termalismo, unha vez que no día de hoxe se publicaron as bases do mesmo no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Fíxoo durante unha visita ao balneario de Lugo, que xunto aos de Pambre e Pantón, participa na iniciativa provincial. O Presidente estivo acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ademais do director do establecemento termal lucense, Antonio Garaloces.
Segundo recollen as bases do Lugo Termal, as persoas interesadas poden presentar a documentación dende mañá mércores a través do Rexistro Xeral ou tamén, a partir das 00.00 horas, a través da páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal
As persoas beneficiarias deberán cumprir con tres requisitos, ademais da idade: estar empadroado ou empadroada nalgún dos concellos da provincia, valerse por si mesma, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas.
O Presidente destacou que o programa Lugo Termal, que a Deputación de Lugo pon en marcha por noveno ano consecutivo, “favorece o benestar social e a saúde, e, ao mesmo tempo, dá un apoio directo aos balnearios cando máis o necesitan polo grave impacto da pandemia na actividade destes negocios”. “Lanzamos este programa, que ano tras ano ten moi boa acollida entre os veciños e veciñas da provincia, xusto neste momento de reapertura dos balnearios para contribuír no posible á recuperación sostible da súa actividade”. A isto axudará a ampliación do rango de idade de 55 a 50 anos e tamén a flexibilidade no uso dos bonos, que non se van condicionar a datas concretas, senón que o período será flexible para que se poidan aproveitar ao máximo ao longo do ano.
Nesta edición ofrécense un mínimo de 1.320 prazas, das que 1.000 serán na modalidade de estancia e 320 na modalidade sen estancia.
Modalidades
A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión completa e un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves. Haberá 100 prazas en Lugo, 700 en Pantón e 200 en Palas de Rei. Esta alternativa ten un custe máximo de 250€ por persoa e estancia, dos que a Deputación de Lugo farase cargo de 60,50€ de máximo e a persoa usuaria do restante.
Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada e o servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos).
A modalidade sen estancia, con 320 prazas, contempla dez días (de luns a venres). Inclúe un mínimo de 30 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen. Neste caso, os participantes benefícianse dun prezo vantaxoso de 200€, gracias aos descontos que ofrece a Deputación. Haberá 100 prazas en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas de Rei.
O Programa Lugo Termal forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación e chega nun momento que permite axudar aos balnearios da provincia tras os peches pola crise sanitaria. Forman parte tamén deste plan os Bonos Impulso, actividades turísticas e fluviais nos concellos ou os programas Saborea a túa Provincia e Coñece a túa Provincia.