Lugo, 29 de xullo de 2021. A Deputación de Lugo arrancará esta fin de semana co programa Saborea a túa provincia nas localidades de Viveiro e Burela adaptando a súa organización ás novas restricións e medidas de seguridade e prevención da Covid-19 que marcan as autoridades sanitarias. Esta iniciativa, que percorrerá outros 7 concellos da provincia, celebrarase o sábado durante todo o día nos Xardíns de Noriega Varela de Viveiro, e o domingo, na Praza do Concello de Burela.
Nestas localidades a cita desenvolverase nunha zona acoutada co público sentado, para poder controlar en todo momento o número de persoas que accede e sae do recinto e manter as distancias entre persoas.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliña que esta acción “forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia que temos en marcha na Deputación de Lugo e co que levamos poñendo en marcha medidas ao longo da provincia para dinamizar a nosa economía e os sectores máis afectados polo impacto da pandemia, como son a hostalería, o turismo, o comercio local e os pequenos produtores”. García Porto incide en que “é un programa deseñado dende o prisma de que estamos atravesando unha pandemia, por iso serán actividades seguras onde haberá persoal supervisando o cumprimento das medidas, os participantes gardarán a distancia á vez que lle botamos unha man aos nosos produtores e comerciantes”.
“Adaptaremos o desenvolvemento das xornadas ás restricións vixentes en cada momento e á situación epidemiolóxica de cada concello”, asegura Pilar García Porto, “como vimos facendo con todos e cada unha dos actos e actividades que organizamos dende a Deputación dende a declaración da pandemia”.
Ata A Mariña viaxará esta fin de semana o autobús do Saborea, “ao redor do que se organizarán charlas, degustacións de produtos, demostracións culinarias da man de cociñeiros e cociñeiras da provincia, haberá obradoiros para os pequenos, maxia e sorteos”, indica a Deputada.
No autobús-cociña será onde profesionais da asociación provincial de cociñeiros e cociñeiras de Lugo elaborarán receitas con produtos típicos de cada zona. Utilizarán alimentos con distinción da súa calidade polo selo Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, como a Faba de Lourenzá, a Pataca Galega, o Pemento de Mougán, o Lacón, a Tarta de Santiago, o Mel de Galicia ou o queixo San Simón da Costa; e tamén empregarán nas súas elaboracións razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Vacún Galego. Faranse degustacións destas receitas e tamén de produtos de proximidade que se entregarán en envases individuais pechados para que se consuma de maneira segura e mantendo as distancias interpersoais.
Saborea a túa provincia nace con vocación de continuidade “porque responde ó modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explica Pilar García Porto.
Programas desta fin de semana
Viveiro – Sábado, 31 de xullo – Xardíns de Noriega Varela
11:30 Apertura da Xornada
12:00 – 13:30 Demostración culinaria e degustación de produtos. Elaborarase merluza de Celeiro salgada e curada con vizcaína dos seus callos a cargo de Michel Cociña, do restaurante Fumeiro (Covas).
12:00-14:00 Obradoiros de cociña para nenos e nenas
13:30 – 14:30 Animación musical: Tempus Fugit
17:30 Charla informativa Porco Celta a cargo de Aída Saez Acosta, técnica veterinaria da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL)
17:30 Espectáculo Mago Rafa
19:00 Sorteo de lotes de produtos de proximidade da provincia de Lugo
19:30 Actuación musical: Atlántica
20:00 Degustación de produtos
Burela -Domingo ,1 de agosto – Praza do Concello
11:30 Apertura e actuación do alumnado da Escola de Música de instrumentos de corda
12:00 – 13:30 Demostración culinaria e degustación de produtos. Farase bonito curado, crocante de curri e vinagreta da man de Bruno Pena, do restaurante Oca Playa (Foz).
12:00-14:00 Obradoiros de cociña para nenos e nenas
13:30 – 14:30 Animación musical: Dambara
17:30 Charla informativa a cargo de Verónica Marcos Arrojo, de FADEMUR, e de Verónica Diéguez, de Queixería Mazaricos
17:30 Espectáculo Mago Rafa
19:00 Sorteo de lotes de produtos de proximidade da provincia de Lugo
19:30 Actuación musical: Atlántica
20:00 Degustación de produtos
Un programa que percorre a provincia
Esta cita gratuíta recalará tamén nos concellos de Lourenzá, O Valadouro, A Fonsagrada, Guitiriz, Láncara e Monforte de Lemos ao longo das fins de semana do mes de agosto. Os cociñeiros e cociñeiras prepararán en directo nesas xornadas os seguintes menús:
Lourenzá. O sábado 7 de agosto cociñarase faba de Lourenzá IXP con espada en escabeche e clorofila de codium polo cociñeiro do Asador del Alba (San Cosme de Barreiros), Jesús Villarino.
O Valadouro. O domingo 8 de agosto elaborarase merluza de Burela e aliño de mel do Valadouro a cargo de Bruno Pena, do restaurante Oca Playa (Foz).
A Fonsagrada. O sábado 14 de agosto farase troita curada, brioche e alioli de escabeche e sopa de mel e vainilla, biscoito de limón e migas de chocolate da man de Pablo Vila Cano, do restaurante Oca (Santiago).
Guitiriz. O sábado 21 cociñarase touciño de Porco celta glaseada con pementos de Mougán e os seus crocantes da man do cociñeiro Santi Almuiña, do Mesón Colón (Nadela).
Vilalba. O domingo 22 elaborarase un canelón recheo de capón de Vilalba trufado con espuma de San Simón e flor de allo a cargo do cociñeiro de Pascuais Eventos (Parada de Outeiro de Rei) Diego López.
Láncara. O sábado 28 de agosto cociñarase galo de Mos en tres coccións con San Simón, por Santi Almuiña, do Mesón Colón (Nadela).
Monforte de Lemos. O domingo 29 de agosto farase tenreira “arábiga” con parmentier de moca e nata solla do cociñeiro Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró (Monforte de Lemos).