Ribadeo, 26 de xullo de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, fixo unha chamada á responsabilidade individual para minimizar os contaxios por covid. Hoxe son 89 os positivos notificados polas autoridades sanitarias, que veñen de confirmarlle ao rexedor que só o 50% dos citados para o cribado do pasado venres acudiron a esa cita, que arroxou 14 positivos. Barcia agarda que ao longo desta semana, se non se actúa mal, “poidamos chegar ao pico da curva de contaxios e incluso empezar a baixar”.
O rexedor dixo que “empezamos esta semana co corazón nun puño sobre a situación epidemiolóxica por covid na Mariña e Ribadeo. Os datos que facilitan as autoridades sanitarias seguen sendo malos, pois hoxe notifican un total de 89 casos. Seguimos medrando aínda que, todo hai que dicilo, xa o estamos a facer a menor ritmo, co que é previsible que cheguemos ao pico deste gromo en moi pouco tempo”.
Suárez Barcia considera que “de feito, parte desta suba, foi consecuencia do cribado que se fixo este venres pasado, que segundo a información que nos pasan as autoridades sanitarias, acudiu un 50% das persoas dese segmento de idade de entre 18 e 29 anos e houbo 14 casos positivos. Isto permitirá controlar mellor a situación para que non se descontrole. Confiamos que ao longo desta semana, se non se actúa mal, poidamos chegar ao pico da curva de contaxios e incluso empezar a baixar. Pero iso é tarefa de todos. A estas alturas, xa non quero ser un raiante dando a matraca dicindo que todos temos que cumprir as normas, etc”.
O alcalde sinalou que “desde o Concello tentamos facelo e mandalo facer cos recursos que temos dispoñibles: co control dos aforos, coas normativas de terrazas, etc. E debo sinalar que a inmensa maioría o intenta facer ben. Estamos traballando nestes momentos para que sexan todos, e non só a inmensa maioría. Tamén vemos que a inmensa maioría da cidadanía se comporta como debe no uso da máscara en exteriores cando non se pode garantir a distancia de seguridade. E tamén coa axuda da Policía Local e da Garda Civil facemos o que podemos para sexan todos, e non a grande maioría”.
Fernando Suárez engadiu: “pero non nos enganemos. Isto non pode ser un estado policial. Por moito que se faga e se regule, se non hai responsabilidade individual pouco avanzaremos. Eu confío que si a haxa e que nas vindeiras horas poidamos empezar a baixar e saír desta situación de perigo alta na que estamos metidos e que tanto dano está a facer á nosa hostalaría e ao noso sector servizos”.
O rexedor pediu: “responsabilidade para saír desta situación, por favor”.