Ribadeo, 16 de xullo de 2021. Ribadeo prepárase para acoller este domingo, día 18, o día do produto local cunha mañá chea de actividades na contorna da Praza de Abastos.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “arredor das 11.30 terá lugar a presentación da estratexia participativa EO Alimenta, patrocinada pola fundación Daniel&NinaCarasso, coordinada pola Universidade de Santiago e que conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e doutros da contorna. Preténdese con esta estratexia, chegar entre todas as persoas participantes a unha maior autonomía alimentaria a ambas beiras do Eo. As persoas produtoras locais, protagonistas desta estratexia, farán ademais unha mostra dos seus produtos e ofrecerán unha degustación ás persoas asistentes ao mercado”.
O edil ribadense dixo que “unha vez rematado ese acto Borja Picón amenizará coa súa música o Mercado dos Domingos e os bares da contorna, que ofrecerán tapiñas elaboradas con produtos da horta”.
Os establecementos participantes son o Bar Taller, cunha milfollas da horta; Bar Prohibido, con espagueti de cabaciño con gambas e espuma de queixo San Simón; Bar Queimada, con empanadiñas de verduras da horta con xamón e roliños de queixo con marmelo; A Ribeira, con tortilla de pisos con ingredientes da horta; e O Fumarel, con croquetas de verduras sobre crema de pementos de piquillo. Toda as tapas estarán elaboradas con produtos da horta e terán o prezo dun euro.
Segundo o concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso “o mercado de produtoras e produtores locais está tendo moita afluencia e con este tipo de actividades queremos convertelo nun referente da mañá dos domingos, ademais de sensibilizar á poboación co consumo sostible, saudable e de proximidade”.